O filme de Diana Toucedo ambientado no Courel, ao Festival de San Sebastián

A súa película Trinta lumes acompaña a Trote, de Xacio Baño, no certame vasco

Una escena de 'Trinta lumes', AEP
photo_camera Unha escena de 'Trinta luns', AEP

Trinta lumes de Diana Toucedo (Redondela, 1982) figura entre as once películas seleccionadas polo Festival de San Sebastián para a súa difusión internacional. Forma parte de Made in Spain, a mostra do cine español do ano ao que o certame ofrece unha plataforma para a súa carreira no mundo.

Toucedo, tras traballar en 16 longametraxes como montadora e dirixir a longametraxe de non ficción En todas as mans, debutou nos filmes de ficción con Trinta lumes, que se estreou na sección Panorama da Berlinale.

A película acompaña aos habitantes dun lugar do Courel en actividades tan cotiás como desplumar un pito, colleitar castañas ou cazar xabarís, pero ao mesmo tempo capta o imperceptible para o ollo humano.

A voz en off da protagonista, Alba, penetra ao espectador neste mundo con fronteiras difuminadas entre a realidade e a ficción, entre o mundo dos vivos e dos mortos, e a cámara acompáñaa na súa exploración do "outro lado".

O proxecto comezou cunha investigación duns dous anos nos que se dedicou a ir aos pobos, pasar horas coas súas xentes, tratar de entendelos e coñecer as súas tradicións orais.

BAÑO. A presenza do Novo Cinema Galego no certame donostiarra estenderase coa participación de Xacio Baño (Xove, 1983) na sección Zinemaldia coa súa primeira longametraxe, Trote. Baño acaba de presentar ese filme no Festival de Cine de Locarno, en Suíza.

Xacio Baño regresou ao festival suízo -xa estivera cos seus curtos Ser y volver e Eco- acompañado pola protagonista, a actriz da Barrela (Carballedo) María Vázquez.

A historia de Trote parte dun guión do propio Baño e do novelista Diego Ameixeiras. É a historia de Carme (María Vázquez), que vive nunha aldea ao coidado da súa nai e co seu pai, co que case non se comunica.

Comentarios