Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

Detido un monfortino cuns catro gramos de cocaína listos para vender

O detido, coa cara tapada, ao ser trasladado aos xulgados. A. SOMOZA
O detido, coa cara tapada, ao ser trasladado aos xulgados. A. SOMOZA

Quedou en liberdade con cargos, tras pasar a disposición xudicial, e deberá acudirse cada quince días ante o xulgado

MONFORTE. A Policía Nacional de Monforte detivo a un veciño da localidade de orixe dominicano, de 25 anos e cuxo nomee correspóndese coas iniciais R.G.J., acusado dun delito contra a saúde pública, en concreto tras atoparlle catro bolsas dunha sustancia branca en po que podería ser cocaína e que tería un peso duns catro gramos.

Así mesmo, a Policía falou dunha importante cantidade de diñeiro en metálico incautada ao detido, que, segundo puido saber este diario, achegaríase aos 1.000 euros.

A Policía levaba tempo seguíndoo. De feito a detención produciuse na tarde do martes na céntrica Praza de España.

Ás tres da tarde do mércores, R.G.J. foi trasladado desde os calabozos da comisaría monfortina aos xulgados para que prestase declaración.

O acusado de tráfico de estupefacientes, quen segundo parece ten antecedentes polos mesmos feitos, quedou en liberdade con cargos, impóndolle o xuíz que instrúe o caso como medida cautelar a súa personación cada quince días en sede xudicial.

O avogado do detido, o coñecido letrado monfortino Iván Torrés, non quixo realizar declaracións nin á entrada nin á saída dos xulgados, cando acompañaba ao seu defendido. Limitouse a sinalar que as medidas cautelares impostas ao seu defendido axustábanse a dereito, sobre todo tendo en conta a cantidade da suposta sustancia estupefaciente achada no seu poder.

OUTROS CASOS. Axentes da Garda Civil detiveron na madrugada do pasado 5 de agosto na localidade de Escairón a un home de 51 anos de idade veciño do mesmo municipio do Saviñao por un suposto delito de tráfico de drogas, pois foi sorprendido portando varias doses de haxix, cocaína e heroína destinadas, presuntamente, á venda durante esa mesma noite en plenas festas patronais da localidade.

Trátase dunha persoa que levaba, como o caso do monfortino que onte pasou a disposición xudicial, moito tempo vixiada polos axentes. En ambos os casos, a detención foi realizada por axentes camuflados.

Detido un monfortino cuns catro gramos de cocaína listos para vender
Comentarios