Detida unha parella de Monforte con cocaína valorada en 7.000 euros

Foron interceptados cando circulaban polo corredor que conecta a cidade do Cabe coa capital lucense

LUGO. A Garda Civil detivo o martes a unha parella de Monforte cuns 130 gramos de cocaína, valorados en polo menos uns 7.000 euros.

Segundo puido saber este diario, os dous detidos foron interceptados ao mediodía por axentes do instituto armado cando circulaban polo corredor que enlaza a cidade do Cabe coa capital lucense, á altura do termo municipal de Bóveda.

Ao proceder ao rexistro do seu vehículo, os gardas atoparon preto de 30 gramos de cocaína sen adulterar, polo que procederon ao arresto da parella e ao seu traslado a Monforte.

REXISTRO DO DOMICILIO. Xa a media tarde, no marco desta operación, efectivos da Benemérita desprazáronse á vivenda na que reside esta parella, situada nunha aldea do municipio, para o seu rexistro exhaustivo.

Ao revisar a casa, os axentes acharon outro centenar de gramos de cocaína, que tamén estaba sen cortar.

Ademais, tamén atoparon material para proceder ao seu corte, polo que o valor que lles podería reportar esa droga no mercado podería incluso chegar a superar eses 7.000 euros.

A última hora da noite os dous detidos permanecían no calabozo do cuartel de Monforte, acusados de tráfico de drogas, á espera da súa posta a disposición do xulgado.

Comentarios