Desfeitas e roubos en dous puntos de venda da Once de Monforte

O ladrón rompeu con pedras de gran tamaño as vidreiras e levou o que había no interior dos postos de rúas Cardeal e Doutor Teixeiro

robos (28)
photo_camera Estado no que quedou o interior do quiosco da Rúa Doutor Teixeiro debido ao roubo. MIGUEL PIÑEIRO

Os puntos de venda de premios da Once situados nas rúas Cardeal e Doutor Teixeiro de Monforte foron escenario de senllos roubos con forza producidos durante a madrugada deste xoves. Ambos os quioscos sufriron ademais importantes desfeitas, pois o autor utilizou pedras dun tamaño considerable para acceder ao interior dos postos.

Na Rúa Doutor Teixeiro, ante a praza de abastos, é o segundo roubo que o vendedor sofre esta semana despois do producido o pasado martes, cando un individuo tratou de fuxir cun montante de cen euros en premios Rascas no momento no que encargado procedía a levar a cabo o cobro dos mesmos mediante unha cartón de crédito.

O botín neste quiosco non foi moi elevado, segundo dixo o seu responsable. O ladrón só levou uns dous euros, un bote de xel hidroalcohólico e algúns bombones. No Cardeal, en cambio, fíxose cunha cantidade importante de diñeiro en moedas de céntimo e billetes en mal estado que o encargado tiña gardados para cambiar no banco.

No posto da Rúa Cardeal, o ladrón deixou ademais moitas manchas de sangue producidas, supostamente, ao romper o cristal. A Policía está a valerse deste rastro para intentar identificar e localizar ao autor dos feitos.