Descobren que o autor de oito roubos en Monforte está acusado de 86

Visitaba os locais de día, asaltábaos de noite e foi identificado polo seu teléfono móbil
Vista aérea de Monforte. AEP
photo_camera Vista aérea de Monforte. AEP

Un home de 38 anos e de nacionalidade romanesa foi imputado como autor de oito roubos en establecementos comerciais de Monforte. O home, que foi sorprendido in fraganti cando cometía dous dos roubos, está actualmente en prisión, acusado dun total de 86 perpetrados en distintas localidades das provincias de León, Zamora, A Coruña e Lugo.

O imputado sempre seguía o mesmo patrón. Durante o día, visitaba o establecemento para pescudar que medidas de seguridade tiña, e pola noite asaltábao para roubar. Nos oito roubos cometidos en Monforte, entre 2019 e 2020, sumou un botín de máis de 6.000 euros.

A identificación desta persoa foi posible grazas á colaboración da Policía Nacional e a Garda Civil. Tras rexistrarse sucesivos roubos nas demarcacións de ámbolos dous corpos de seguridade, os axentes contactaron para pór en común as súas investigacións.

Lograron determinar que en todos os roubos se usaba un mesmo teléfono. Policías da Comisaría de Monforte comezaron entón a indagar para identificar ao titular da liña, cun seguimento a través das redes sociais. Isto deulles a posibilidade de porlle nome e cara e de imputarlle todos os delitos cando foi sorprendido pola Garda Civil nun dos roubos.

As autoridades romanesas colaboraron tamén coa Policía Nacional e a Garda Civil para identificar ao home.