A defensa do usuario dun xeriátrico de Bóveda acusado de abusos pide a súa absolución

A Fiscalía solicita para el tres anos e medio de cárcere por un delito de abusos sexuais en grao de tentativa ► A vítima é un residente do mesmo centro
El hombre juzgado en la Audiencia de Lugo. CRTVG
photo_camera Imaxe de arquivo da Audiencia Provincial Lugo. PEPE TEJERO

A defensa do usuario dunha residencia de maiores de Bóveda acusado de intentar abusar sexualmente doutro interno do mesmo centro, que por mor da súa dependencia carecía de competencia para desempeñar "as actividades básicas da vida diaria", confirmou que pedirá a libre absolución para o seu cliente.

Antes do inicio do xuízo, que comezou este mércores na Audiencia Provincial de Lugo, a letrada da defensa, Anabel Rodríguez, confirmou a súa intención de pedir a libre absolución do acusado ao considerar que "non existe delito algún" para xustificar esta causa. O fiscal, pola súa banda, solicita tres anos e medio de cárcere.

"Non existe delito ningún. A acusación é por un abuso sexual en grao de tentativa. Non existiu comisión de delito ningún. Segundo a Fiscalía houbo unha tentativa, pero non houbo tentativa nin houbo nada", asegurou a letrada, quen se mostrou confiada en que se demostrará na vista oral. Nesta, o procesado negou os feitos que se lle imputan.

O ministerio fiscal apunta no escrito de acusación que o procesado é usuario do centro desde outubro de 2014, mentres que a vítima foi ingresada en xaneiro de 2015, cunha "deterioración cognitiva grave e sendo dependente total para as actividades básicas da vida diaria", polo que foi legalmente "incapacitado".

O 28 de decembro de 2017, segundo o relato da acusación pública, nunha das habitacións da residencia, o procesado baixouse a roupa interior, "e movido polo ánimo de satisfacer os seus desexos libidinosos e aproveitándose da discapacidade da vítima", tamén lle baixou os calzóns ao outro home, empuxouno contra a parede do baño e fregouse contra el.

Fíxoo, segundo o fiscal, "con pleno coñecemento de que o mesmo padece unha enfermidade que non lle permite consentir nin comprender as circunstancias e implicacións dun acto sexual". O acusado non conseguiu "culminar o seu obxectivo", ao ser sorprendido por un dos traballadores do centro.

Fronte a ese relato, o acusado sinalou no xuízo que el fora ao baño, onde estaba a outro home. Nese momento, segundo dixo, intentou que a vítima se soltase dunha barra de apoio á que se aferraba e sinalou que este xa se baixara os pantalóns coa intención de ouriñar. 

O ministerio público acusouno dun delito de abusos sexuais en grao de tentativa e pide para el tres anos e medio de cárcere, así como dous anos de liberdade vixiada —unha vez cumprida a pena de reclusión— e a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante cinco anos. Tamén pide unha indemnización de 10.000 euros para a vítima.