Decenas de veciños de Rubián e Bóveda, sen auga por unha sabotaxe

Alguén manipulou as chaves de paso e impediu que a subministración chegase ás casas

A Garda Civil e o Concello de Bóveda teñen en marcha sendas investigacións para descubrir quen sabotea a traída de augas municipal e deixa sen subministración aos veciños. En concreto, decenas de habitantes de Rubián e Bóveda quedaron sen servizo por culpa destes feitos.

Segundo detallou o alcalde, o popular José Manuel Arias, os problemas comezaron a semana pasada cando quedaron sen auga os veciños do núcleo de Rubián. Despois de que os operarios revisasen tubaxes e arquetas da traída en busca de calquera tipo de avarías ou fugas descubriron que alguén manipulara unha chave de paso e baleirado os depósitos. Ao non haber auga almacenada non chegaba nin unha pinga de subministración aos residentes en Rubián.

Este venres os que se levantaron sen auga foron os veciños da capitalidade municipal, Bóveda. De novo, desde o Concello ordenouse unha revisión da rede para dar co punto da avaría, pero o que atoparon os traballadores foi que alguén alterara varias chaves e que iso provocara que se baleirasen as tubaxes.

O alcalde, José Manuel Arias, insistiu este venres en que se tratou dunha especie de "sabotaxe" e puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil, que ten en marcha unha investigación para descubrir aos posibles autores.

Ademais, desde o Concello farán as súas propias pescudas, xa que este tipo de accións "prexudican aos veciños directamente e supoñen un custo importante para as arcas públicas", insistiu José Manuel Arias.

Comentarios