O director do Castañazo Rock: "Da cultura vive moita xente que leva un ano sen ingresos"

Ibán Gómez Vázquez, máximo responsable da organización dun dos moitos eventos suspendidos por mor da pandemia advirte da dalicada situación do sector da cultura
O director do festial Castañazo.AEP
photo_camera O director do festial Castañazo.AEP

A PANDEMIA freou o festival Castañazo Rock de Chantada. O seu director analiza o futuro e reflexiona sobre a situación da cultura no ano do covid-19.

Como foi o ano sen Castañazo?

Dentro do malo tivemos sorte. Aínda non comezaramos coa promoción. Anunciamos que non ía haber en agosto, pero tiñámolo claro desde había tempo.

Plantexáronse outros formatos?

Desde as administracións insistiron para que se organizasen eventos aínda que fose doutro xeito. No noso caso parecía moi complicado polas datas e demostrouse, porque tocaría en plena segunda vaga.

Percibiuse moito apoio nas redes.

A verdade é que si. Persoalmente foi duro non organizar o festival. Outubro sempre é un mes de nervios e este ano houbo unha gran sensación de baleiro.

É a cultura a gran maltratada da pandemia?

É moi maltratada. Hai comentarios que non podo entender. Por exemplo, en referencia aos concertos do San Froilán, que algúns tacharon de aberración. Da cultura vive moita xente, non só os artistas. Hai persoas que traballan en montaxe ou técnicos de son que levan un ano sen ingresos. A ningún comercio se lle critica por abrir porque se entende que unha familia depende del. Coa cultura pasa o mesmo. Ademais, a xente non é consciente de que se agora non hai actividades, igual cando queiramos facelas non se pode.

Quedou claro que é posible facer concertos, pero doutro tipo.

Pódese. Pero non teñen a esencia dun concerto, que é socializar, estar cos amigos ou bailar. A este formato non lle vexo futuro.

Se a pandemia o permite, gozaremos do Castañazo no 2021?

Ninguén pode asegurar nada e non sei ata que punto vai ser posible organizar eventos. Os de primavera e verán véxoos complicados e creo que moitos festivais non van voltar. Aínda así, se o Castañazo tivese que rematar pola pandemia sería moi doloroso.

Comentarios