A colleita de aceite con selo de orixe de Quiroga roldará os 6.000 litros

O produto que se elabora estes días nas almazaras chegará ao mercado entre os meses de marzo e abril, unha vez estea filtrado

Manuel Mondelo varea unha oliveira en Bendollo, Quiroga. TOÑO PARGA
photo_camera Manuel Mondelo varea unha oliveira en Bendollo, Quiroga. TOÑO PARGA

Os produtores de aceite de Quiroga xa teñen practicamente pechada a recollida de oliva e están a traballar nas almazaras na elaboración do produto. A pesar de que a recolección arrincou tarde, a campaña foi remontando e a produción rolda as cifras do pasado ano. En Quiroga recolléronse uns 36.000 quilos de olivas que permitirán pór no mercado uns 6.000 litros do produto que levará a etiqueta expedida polo Concello de Quiroga co obxectivo de garantir a procedencia do aceite.

A esas cantidades hai que sumar o que se recolle no resto das ribeiras do Sil e do Bibei e que non se acolle ao mencionado distintivo. A cifra é difícil de calcular porque hai parte da produción que se dedica á venda, pero outra queda no autoconsumo. A colleita deste ano certificada e sen certificar pode superar facilmente os 15.000 litros.

Manuel Mondelo é o responsable da firma Aceiroga que, xunto a Val de Quiroga e Ouro de Quiroga, son as tres industrias con almazara que venden a súa produción amparada pola etiqueta Aceite de Quiroga.

Mondelo xa procesou toda a oliva recolleita e estima sacar á venda ao redor de 1.800 litros de aceite.

A colleita chegará ao mercado no mes de marzo porque nas próximas semanas hai que someter ao produto a un proceso de decantación natural. O aceite vai repousando e os restos de impurezas e partículas forman unha capa que hai que retirar. Con todo, para iso ten que haber certa temperatura e as xeadas dos últimos días fan que o proceso estea parado.

"Nestes momentos o aceite non se move. Cando levante o mal tempo comezará o filtrado natural e coido que para marzo ou abril poderemos vender aceite da nova colleita", argumenta.

En cando á oliva recollida este ano, Manuel Mondelo e o seu equipo están satisfeitos. "Veu tarde, como pasou co viño ou as castañas, pero está en bo estado e puidemos recollela no momento xusto" di.

Na almazara deste colleiteiro elaboran outros recolectores e polos testemuños que lle chegaron, Manuel Mondelo cre que a colleita foi desigual. "A nivel global, en toda a comarca tivemos máis quilos ca outros anos, pero vai un pouco por zonas. Nalgún sitio non houbo nada e noutros moito", engade.

Un proceso que se modernizou
O proceso de elaboración de aceite en Quiroga é, na maioría das almazaras, directo. É dicir, segundo van entrando as olivas colleitadas procédese ao seu prensado. Para iso utilízase unha maquinaria que permite meter o froito moi limpo e que reduce ao máximo a oxidación. Ademais, a oliva recóllese no envero e iso tamén resta acidez ao produto final.

Para elaborar un litro de aceite fai falta unha media de seis quilos de oliva, aínda que a proporción pode alterarse un pouco en función das variedades.

Comentarios