O cuarto Festival do Viño de Monforte xa ten data

Celebrarase entre o 3 e o 5 de xullo e o alcalde anuncia un orzamento maior

TEAP3544
photo_camera Celebración dunha edición pasada do Festival do Viño de Monforte. AEP

O Concello de Monforte puxo en marcha o cuarto Festival do Viño, que terá lugar entre o 3 e o 5 de xullo. O alcalde, José Tomé Roca, anunciou que o orzamento aumentará respecto ao ano pasado e fixo balance da última edición. Segundo as contas presentadas pola empresa organizadora do evento foron unhas 15.000 as persoas que acudiron ao certame en 2019.

Tomei convocou unha reunión á que asistiron adegueiros da Ribeira Sacra, membros do consello regulador e os responsables da firma monfortina encargada da organización do Festival do Viño. Nela deu a coñecer algúns detalles da próxima edición e tamén precisou os datos sobre a anterior. O rexedor remarcou que o certame custou o ano pasado 131.749,51 euros, 40.000 púxoos a Deputación de Lugo e 92.000 saíron das arcas municipais.

Participaron 25 adegas amparadas pola denominación de orixe e o público asistente chegou principalmente desde outras poboacións de Galicia, aínda que tamén se rexistraron procedencias nacionais e internacionais. Para promocionar o Festival do Viño, a organización imprimiu 6.000 carteis e empregou 24 lonas e 64 pancartas, así como 3.500 trípticos. Este material repartiuse non só por Monforte e a comarca, senón tamén polo resto de Galicia.

IMPACTO. Para difundir o festival, a organización levou a cabo un total de 14 vídeos que serviron para dar a coñecer á madriña do festival, Rosa Cedrón, informar as rutas vinícolas celebradas durante o certame, anunciar os concertos da Praza de España e promocionar as adegas participantes. Os oito vídeos sobre a presentación de actividades tiveron 16.790 reproducións, os que se fixeron achega do cartel e o programa alcanzaron as 3.070, os tres vídeos de concertos reproducíronse 5.432 veces e a gravación sobre a emisión de programas en directo chegou a 322.

Nas redes sociais, o Festival do Viño tivo un alcance total de 74.421 persoas entre maio e xuño. Houbo 10.427 interaccións de usuarios e a páxina contou con 516 seguidores, un 63% de mulleres e un 37% de homes. As reproducións en vídeo chegaron a 46.763 persoas.

Comentarios