O CSIC investiga como transformou a paisaxe da península a minería romana

Os científicos analizaron os depósitos de auga empregados nas explotacións do Courel
Castro de Castromaior. CSIC
photo_camera Castro de Castromaior. CSIC

O desenvolvemento da minería romana puido causar a transformación da paisaxe, dos usos do chan e da vexetación na península Ibérica, segundo un equipo de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). 

Os científicos, que estudan o impacto da minería do ouro na Hispania romana no marco do proxecto Avraria, analizaron os depósitos de auga empregados nas explotacións mineiras romanas do Courel e estenderán o traballo de campo a outras zonas de Galicia, Asturias, León e Portugal. 

O proxecto, que comezou en 2020 e está previsto que finalice en 2024, ten como obxectivo estudar a explotación do ouro en Hispania e comprender os cambios que implicou sobre a organización do territorio, a estrutura económica e a conformación da paisaxe, segundo explicou Brais X. Currás, investigador do CSIC no Instituto de Historia. 

O obxectivo, informou o CSIC nunha nota difundida este mércores, é dispor dunha síntese histórica que achegue unha imaxe global do papel desempeñado polo ouro na evolución política e económica do Imperio Romano, e do seu impacto local na configuración da paisaxe. 

Os primeiros datos obtidos permitiron analizar os cambios nas formas de ocupación e explotación do territorio galego do Courel desde o momento inmediatamente anterior ao comezo dos labores mineiros, durante o seu funcionamento e tras o seu abandono. 

"Esta zona de montaña caracterízase polo forte impacto causado pola conquista romana na organización territorial e social. É unha área que aparentemente estivo case despoblada durante a Idade do Ferro e que a partir da implantación do poder de Roma experimentou unha profunda transformación, xa que se abriron decenas de novas explotacións auríferas e xurdiu unha nova rede de poboamento", explicou Currás. 

O equipo de científicos realizou sondaxes nesta zona para secuenciar cronoloxicamente a evolución dos labores mineiros e estudar o impacto ambiental da explotación do ouro. 

O traballo de campo do proxecto Avraria vaise a desenvolver en España e Portugal e inclúe as minas do cuadrante noroccidental da Península Ibérica, entre elas As Medulas, considerada a principal explotación aurífera do Imperio Romano, e A Leitosa, ambas en León, e a de Montesfurados, en Galicia. 

A investigación, que está coordinada polo grupo de Estrutura Social e Territorio do Instituto de Historia do CSIC, conta coa participación da Universidade de León e a Universidade de Santiago de Compostela. 

Os traballos na serra do Courel contaron coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e a colaboración da Comunidade de Vecinos de San Xulián (A Rúa) e das Comunidades de Monte Veciñal en Mancomún de Seoane do Courel. 

O proxecto Avraria está financiado pola Comunidade de Madrid na Convocatoria de Axudas Destinadas á Atracción do Talento Investigador. 

Comentarios