Crece a indignación pola brutal agresión a unha cadela en Chantada

A Ong Mundo Vivo anuncia que se acudirá como acusación particular se se abre un proceso xudicial contra o autor dos feitos

O macabro vídeo no que se ve a un veciño de Chantada arrastrar polo chan a unha cadela fíxose viral e a indignación crece a medida que pasan as horas. Tanto usuarios das redes sociais como diferentes asociacións e entidades mostraron a súa repulsa por este comportamento e piden medidas drásticas contra o autor da brutal agresión. Segundo transcendeu, o home disparou cunha escopeta de caza ao animal e logo golpeouno. A cadela permanece ingresada no hospital veterinario Rof Codina en estado moi grave. O agresor foi denunciado á Garda Civil, que xa o identificou.

As reaccións ao suceso non se fixeron esperar. O vídeo, difundido nas redes sociais por un condutor que se decatou do que ocorría logo de escoitar un disparo, motivou á Ong Mundo Vivo a anunciar que se presentará como acusación particular no caso de que se abra un procedemento xudicial contra o suxeito.

As escabrosas imaxes mostran ao agresor arrastrando á cadela cunha corda atada ao pescozo por un camiño secundario

Tamén a asociación animalista Libera mostrou a súa indignación polo acontecemento. A entidade indicou que en caso de falecemento da cadela -tratada de urxencia por unha ferida de bala e múltiples traumatismos- o home podería ser acusado dun delito de malos tratos animais e enfrontarse a penas de ata 18 meses de prisión.

Na rede houbo unha avalancha de comentarios e peticións. Os máis estendidos reclamaban para o autor da agresión a máxima pena posible e outros manifestaban a súa preocupación polo estado da cadela. O grupo de Facebook Recompilación de animais en adopción España instaba aos interesados en adoptala a porse en contacto desde este luns coa Garda Civil de Chantada, que leva o caso.

O autor do vídeo, ao agresor: "Gravo o que estás a facer, que é inhumano"

INICIATIVAS. Libera foi moi contundente no seu comunicado e incluso asegurou que nun fragmento do vídeo escóitase ao agresor gritar a quen grava "son cazador e podo pegar tiros a quen me saia dos collóns". Os animalistas, ademais de manifestar o seu rexeitamento, aseguran que este tipo de comportamentos son moi frecuentes en Galicia nos últimos tempos.

A asociación trasladará este luns ao Parlamento de Galicia diferentes alternativas para demandar medidas efectivas. Entre elas atoparíase o incremento das inhabilitacións ou o establecemento dun rexistro autonómico de maltratadores de animais. Libera cre que a maioría de agresións deste tipo permanecen impunes.