O Courel rende pleitesía ao seu froito estrela: a castaña

O restaurador Miguel Ángel González Quintela foi o pregoeiro da trigéximo primeira edición da festa

Ata sete centenares de quilos de castaña agardaron este sábado no Courel á multitude que, habitualmente, e na edición número 31 non ía ser menos, acode á romaría gastronómica coa que Folgoso rende pleitesía ao seu produto estrela: este aclamado froito de casca dura e cor marrón.

Non é baladí que o mesmo conte co selo de Indicación Xeográfica Protexida posto que a castaña de Folgoso, que en tempos quitou moita fame e hoxe é unha habitual entre fogóns, en multitude de pratos (guisados e ata con marisco, así como en repostería), é, segundo os expertos na materia, a máis exquisita, co seu inconfundible sabor doce.

A festa na súa honra tivo o seu pistoletazo de saída este sábado ao mediodía cos Cantores do Courel. O Souto da Carroza non só foi escenario da degustación gratuíta de castañas asadas —así o estipula a tradición— e viño, senón tamén epicentro dos postos de artesanía e doutro manxar moi galego, o churrasco.

O pregón, á unha e media da tarde, correu a cargo do reputado restaurador Miguel Ángel González Quintela, oriúndo de Ourense, e que ostenta un cobizado galardón obtido precisamente no concurso de elaboración de pratos con ingredientes de castaña.

A colleita, pola climatoloxía adversa, non foi tan abundante como en anteriores ocasións, pero este contratempo chega a esquecerse nunha xornada na que os asistentes entran en comuñón coa natureza e con esta suculenta materia prima que ofrece. 

Comentarios