O Courel aproba en pleno o PXOM que delimitará os 45 núcleos do municipio

O plan estaba sobre a mesa desde finais do século pasado. Houbo un total de 125 alegacións e 65 foron aceptadas
undefined
photo_camera A aprobación do PXOM saíu adiante cos votos a favor de PP e C@urel Vivo e a abstención do PSOE. EP

O último pleno da corporación celebrado en Folgoso do Courel deu luz verde ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que permitirá a delimitación de todos os núcleos de poboación que compoñen o concello, un total de 45.

O Courel dispón así por fin de PXOM logo dunha longa carreira que comezou a finais do pasado século. Entón, dixo a alcaldesa, Lola Castro, púxose sobre a mesa a elaboración do plan.

Foi en febreiro de 2015 cando o actual equipo de goberno comezou o proceso, tras dar a súa aprobación o pleno en decembro de 2014. A proposta do Concello foi sometida a exposición pública durante dous meses, obtendo 125 alegacións das que 122 procederon de particulares e tres de asociacións ou entidades privadas. Aceptáronse 65, saíron adiante parcialmente 37 e rexeitáronse 23.

Agora toca dar o último paso. A semana que vén, o expediente será remitido á Xunta para que resolva a súa aprobación definitiva. Lola Castro manifestou a súa confianza en que o documento reciba o visto e prace da Consellería e entre pronto en vigor.

RELEVANCIA. A alcaldesa do Courel subliñou a importancia que o PXOM ten para un municipio como o seu, dun alto nivel de dispersión. "Sempre digo que é moito mellor ter un mal PXOM que non telo. Foi laborioso ter que ir por todas as parroquias, pero por fin imos dispoñer del", celebrou Lola Castro.

A rexedora explicou que ata agora só estaban delimitados sete núcleos —entre eles os dous máis importantes, Folgoso e Seoane— grazas á auxe das casas de turismo rural. Co PXOM, aprobado cos votos a favor de PP e C@urel Vivo e a abstención do PSOE, a totalidade do Courel ten delimitación.

Lola Castro engadiu que o plan ten vantaxes tamén á hora de conceder licenzas para levar a cabo calquera tipo de actuación en vivendas. "Agora non farán falta permisos sectoriais e todo será moito máis áxil, porque será posible xestionalo dende o Concello", apuntou a alcaldesa. Ademais, a rexedora courelá falou da presenza de parcelas edificables esparexidas polo municipio.

No seu informe, o arquitecto municipal precisa que o PXOM está adaptado á complexidade urbanística do termo municipal e xustifica a coordinación dos elementos fundamentais dos sistemas xerais. Tamén se xustifican a coherencia interna das determinacións urbanísticas, a viabilidade técnica e económica da ordenación proposta e a proporcionalidade entre o volume edificable e os espazos libres públicos de cada ámbito.

Comentarios