O Courel acolle este mes un taller de danza e expresión corporal

A bailarina Kirenia Martínez ofrece dous cursos gratuítos que se impartirán de mañá a nenos e mulleres
2020080317313195707
photo_camera Sesión de danza no Courel. EP

A bailarina Kirenia Martínez ofrece ata o 5 de setembro en O Courel a iniciativa Corpo a corpo, unha proposta para achegar a nenos e mulleres  a danza e a expresión corporal a través dos contos realizados polo poeta Uxío Novoneyra.

Trátase de dous cursos gratuítos que se impartirán cada mañá de venres (nenos) e sábado (mulleres). As persoas interesadas poden efectuar a súa inscrición a través do correo electrónico [email protected].

As sesións desenvólvense nas instalacións do colexio Uxío Novoneyra e finalizarán cun espectáculo de danza a cargo dos participantes, que bailarán o conto Vagaface, Brumalión e ou can de pedra, unha obra inédita do poeta do Courel.

A iniciativa formativa está inspirada nos contos infantís escritos por Novoneyra, situados na serra do Courel. É un traballo de recollida, actualización e comunicación da memoria da lingua e diversas mostras de patrimonio inmaterial como lendas ou contos, entre outras, que busca que os máis novos a integren como parte da súa propia cultura.

Kirenia Martínez, directora da compañía Kirenia Danza, busca trasladar este espírito aos seus talleres. A través do coidado e o coñecemento e goce do corpo en libre movemento traballa estas experiencias de danza "contada e lecturas bailadas".

Esta nova iniciativa didáctica apóiase na experiencia e os traballos previos da coreógrafa acerca do conto, tema que explorou durante a súa residencia artística en Satriano dei Lucania (Italia) en 2019, dentro do programa europeo I-Portunus de residencias para artistas en itinerancia.

Corpo a corpo é un proxecto beneficiario do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21, que á súa vez forma parte do plan de reactivación turística e cultural posto en marcha recentemente pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

As sesións arrincaron o venres e continuaron no día de onte. Prolongaranse durante todo o mes de agosto ata o 5 de setembro, cando terá lugar a citada actuación de representación do conto inédito escrito por Uxío Novoneyra.

Comentarios