Correos sacará en outubro un selo homenaxe ao VII Conde de Lemos

O alcalde agradeceu que o departamento de Filatelia se involucrase nun proxecto que servirá para divulgar Monforte e a súa comarca
undefined
photo_camera Juan Manuel Serrano e José Tomé, na presentación do proxecto. EP

Correos emitirá en outubro un selo dedicado a Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos. A emisión filatélica foi anunciada este luns en Monforte, nunha reunión que mantiveron o presidente de Correos, Juan Manuel Serrano, e o alcalde monfortino, José Tomé.

O departamento de Filatelia de Correos traballa xa no deseño do selo que, segundo destacou o presidente Juan Manuel Serrano, "converterase no mellor aliado á hora de divulgar e promocionar o rico patrimonio de Monforte, un punto privilexiado para coñecer a Ribeira Sacra".

O selo que homenaxeará ao VII conde de Lemos formará parte da serie filatélica Personaxes, que pon en valor aquelas figuras relevantes na arte, as ciencias ou a historia de España.

Pola súa banda, o rexedor monfortino destacou "a transcendencia deste proxecto, xa que cando deamos a coñecer o deseño do selo do VII Conde de Lemos, e cando teña lugar a súa tirada oficial en toda España, Monforte de Lemos contará cun importante elemento de promoción e de difusión, dentro e fóra das nosas fronteiras".

José Tomé agradeceu ao responsable de Correos a súa sensibilidade para levar adiante esta iniciativa, na que, dixo, levaba xa tempo traballando. Respecto diso, engadiu que a figura de Pedro Fernández de Castro como estadista e mecenas da cultura está fóra de dúbidas, polo que a estampilla servirá de homenaxe a unha persoa clave no século XVII.

Serrano agradeceu a Tomé como presidente da Deputación o seu apoio ao programa piloto da empresa pública en Lugo para que os carteiros rurais acheguen aos que viven nas aldeas calquera servizo prestado por Correos, desde paquetería á entrega de diñeiro.

Comentarios