"A coral é moito máis ca un grupo para a xente maior"

Despois de dez anos coma director, Marcos Fernández asume a presidencia da coral polifónica de Chantada co reto de diversificala e traballar por un relevo xeracional. Este sábado 21 invita a asistir ao seu concerto no auditorio municipal, onde farán o Festival das Letras Galegas
Marcos Fernández, durante un ensaio da Coral de Chantada. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Marcos Fernández, durante un ensaio da Coral de Chantada. MIGUEL PIÑEIRO
Leva dez anos coma director e agora é o novo presidente da coral polifónica de Chantada. Por que se animou a dar este paso?
Principalmente porque agora hai moitas dificultades para a xente de máis idade, porque hai que facer moito traballo de administración de xeito electrónico, como pedir subvencións ou participar nos programas da Deputación. Ademais, quero asumir o reto de diversificar a agrupación e promover un cambio xeracional. Introduciremos un coro infantil e xuvenil para nutrir a coral.
Pódese dicir que ese relevo xeracional é o seu principal proxecto?
Si, porque así traballaremos por unha coral máis diversa. Existe o concepto de que estas agrupacións son para xente de idade moi avanzada, pero son moito máis. As agrupacións corais cambian e hai coros canteira que funcionan moi ben. É certo que a pandemia truncou un pouco as expectativas, pero o ano pasado volveron as actuacións e fixemos un concerto en novembro, polo día de Santa Icía, no que xuntamos a todas as nosas agrupacións. Este ano quero repetilo e que esta actividade sexa un clásico da coral.
Como se convence á xente nova para achegarse á coral?
É difícil, porque agora en Chantada hai moitas opcións deportivas e culturais. Formar parte dunha agrupación esixe, ademais, certo nivel de compromiso e moita xente non está disposta a sacrificar tempo libre por ensaiar ou actuar. Tamén hai persoas, entre as que me atopo, que teñen a necesidade dos concertos. Para min é esencial actuar, gústame. Nesta coral hai xente que leva dende a súa fundación, hai máis de 50 anos, e non perde un evento.
Canta xente forma parte da coral polifónica de Chantada?
Sobre 30 personas. Tivemos algunhas baixas, pero tamén hai incorporacións. Antes da pandemia andabamos nas 35. 
Que lle diría a unha persoa que queira entrar na coral e, por timidez, non se atreva a dar o paso?
Durante anos fixemos uns obradoiros de iniciación nos que traballabamos a vocalización ou faciamos lectura musical. Algúns dos participantes entraron na coral e outros formaron un obradoiro de voces brancas. Faremos por recuperalo o ano que vén, porque funcionou bastante ben.
Que cre que significa a coral polifónica para Chantada?
É unha agrupación lonxeva que atesourou moitas experiencias e participou de moitos procesos de cambios. É un patrimonio cultural da vila que deu moitos concertos no Casino cando este estaba en auxe e mesmo colaborou con Andrés do Barro. O Festival de Panxoliñas, cada sábado anterior a Noiteboa, lévase facendo de xeito ininterrompido dende a fundación da coral, segundo din os membros máis veteráns.
Cales serán os vindeiros concertos da coral polifónica?
O día 21, ás 19.30 horas, ofreceremos no auditorio de Chantada o Festival das Letras Galegas. Xa temos programados os festivais de Santa Icía e de Panxoliñas e varios intercambios, que son concertos onde participas e a agrupación organizadora devólveche a visita despois ou ao revés.

Comentarios