Condenado a dous anos por provocar cinco incendios nun só día

Os lumes, en pleno agosto, afectaron a varias parroquias de Monforte e A Pobra do Brollón

INCENDIO PUEBLA 1
photo_camera Imaxe de arquivo dun dos incendios ocorridos na Pobra do Brollón hai dez anos. AEP

O 13 de agosto de 2009 foi un día difícil para as brigadas contraincendios do sur da provincia lucense. Desde a madrugada ata a noite tiveron que facer fronte a cinco lumes forestais, que afectaron a varias parroquias de Monforte e A Pobra do Brollón. Este mércores, L.P.F. recoñeceuse culpable dos mesmos e foi condenado dous anos de prisión e a unha multa de 1.920 euros, ademais dos 2.263 euros que a Xunta gastou en apagar os lumes.

O acusado chegou a un acordo coa Fiscalía para evitar a celebración do xuízo e unha posible pena de catro anos e medio de prisión, que era a solicitada en principio. Ademais, retirouse a acusación contra a súa esposa, á que o ministerio público consideraba cómplice, xa que acompañaba ao seu marido no Opel Kadett co que percorrían as parroquias plantando lume ás leiras cun chisqueiro.

O primeiro dos incendios detectouse a ao redor das 5.00 horas do 13 de agosto de 2009, no lugar da Gándara, na parroquia de Castroncelos (A Pobra do Brollón). Menos de media hora despois declarouse outro na Canteira, en Pinel; e aos dez minutos, outro en Escouredo, este xa en Valverde, en Monforte.

A febril actividade incendiaria de L.P.F. mitigouse coas luces do día para volver segundo caeu a noite. Ás 22.10 horas do 13 de agosto localizouse un novo lume nunha leira da Estación, na parroquia de Abrence, tamén en Brollón, o mesmo municipio que unha hora despois sufriría outro incendio, neste caso en Fornelas.

De todos estes lumes declarouse culpable o agora condenado, aínda que en ningún deles existiu perigo para a integridade física das persoas e puideron ser controlados sen grandes danos.

Comentarios