O concurso de tapas de Chantada ten este ano doce participantes

O chamado Chantapas abriuse este fin de semana cunha alta participación de público, que destacou a alta calidade dos pratos
undefined
photo_camera A propietaria do Bar Central amosa a súa tapa antes de servirla a un grupo de rapaces. EP

O Centro Comercial Aberto (CCA) de Chantada retomou o concurso de tapas suspendido o pasado ano pola incidencia de coronavirus co fin de impulsar o sector hostaleiro, dixeron desde o colectivo empresarial. Un total de doce establecementos uníronse á iniciativa que arrincou este fin de semana cunha gran afluencia de público, segundo os organizadores, e que terá continuidade os próximos días 26,27 e 28. Os participantes son A Viñoteca, Café Mánix, La Cervecería, Bar Carballeira, Cafetería Santa, Café Cantón, O Casino, Bar Parada, adaRosa Tapería, Bar Centro, Cafetería Universal e Garden Bar.

En todos apostouse por unha tapa especial, altamente elaborada e que non supera os dous euros de custo. Así, numerosos veciños da vila da Asma e de municipios próximos, como Carballedo, Taboda e O Saviñao, achegáronse para probar as propostas culinarias.

O próximo fin de semana percorrerán eses doce establecementos un xurado profesional que determinará cales son as mellores tapas. Nel estará a delegada na Ribeira Sacra da asociación provincial de hostalería, Bea Vila, quen se mostrou altamente ilusionada polas propostas ao destacar que "aos hostaleiros de Chantada sempre nos sorprenderon co seu bo facer, polo que este ano, nesta edición, non será menos".

Ademais do profesional haberá un xurado popular que este ano, para ter dereito a voto, deberá consumir un mínimo de sete tapas. Se se catan todas, o consumidor entrará no sorteo dun cartón de agasallo valorada en 50 euros para gastar en calquera establecemento asociado ao CCA.

A maiores, desde este colectivo anunciaron a posta en marcha dunha App chamada Bandomovil na que se achega información sobre o Chantapas e ofertas comerciais nos locais asociados.

Comentarios