O concurso de decoración do Nadal de Monforte contou con 43 participantes

A entrega de galardóns producirase o próximo 13 de xaneiro no salón de plenos da casa consistorial
Monforte. EP
photo_camera Monforte. EP

O concurso de decoración do Nadal e escaparatismo organizado polo Concello de Monforte deuse por concluído este mércores co fallo dos gañadores por parte do xurado. Houbo 43 participantes e repartíronse 5.300 euros en premios e bonos axuda.

A entrega de galardóns producirase o próximo 13 de xaneiro no salón de plenos da casa consistorial, ás 14.00 horas.

O concurso dividiuse en cinco categorías. Na de comercios e negocios houbo 21 participantes, cinco inscribíronse na de hostalería, sete na de vivendas unifamiliares e balcóns ou fiestras de edificios e tres na de comunidades de veciños.

Cada participante debía decorar os espazos propostos recreando o ambiente propio do Nadal con elementos tradicionais e propios destas datas. O gran obxectivo do certame é dar un impulso ao comercio, a hostalería e as familias en tempos de pandemia, así como incentivar na cidade do Cabe a decoración propia destas datas sinaladas.

Nas categorías de comercios, hostalería e comunidades de veciños, a cada gañador lle corresponden 300 euros como premio. O segundo clasificado leva 200 e o terceiro, 100 euros.

Nos apartados de balcóns ou fiestras e vivendas unifamiliares, o primeiro premio é de 200 euros; o segundo, de 100; e o terceiro, de 50 euros.

Ademais, o xurado do concurso estimou a repartición entre todos os participantes dun total de 28 lotes de bonos para gastar na hostalería de Monforte, co 31 de marzo de 2021 como data límite. Inicialmente estaba prevista a celebración dun sorteo no que só quedarían excluídos os gañadores. Ao non haberse cuberto a totalidade dos premios no sorteo de todas as modalidades levou a cabo este cambio.

OUTRO CONCURSO. Ata finais de xaneiro está aberto o certame de bonos de axuda para o Nadal, que se desenvolve nas dúas emisoras de radio locais de Monforte. Cada oínte pode gañar un bono de 25 euros para consumir na hostalería e o comercio de Monforte. Só hai que responder correctamente a unha pregunta que se formulará en directo.

Este concurso ten lugar nun programa especial que se emite de luns a venres desde o pasado día 7 e estenderase ata o 29 de xaneiro. Ata a data puxéronse en circulación 477 bonos, por un valor de 11.925 euros.

Comentarios