O Concello de Monforte repartirá 500.000 euros entre os seus 18.706 veciños

Tomé di que se trata dunha medida que axudará ás familias e aos sectores produtivos â??Distribuiranse bonos de 25 euros que deberán ser gastados nas empresas do municipio
José Tomé. EP
photo_camera José Tomé. EP

O alcalde monfortino, José Tomé Roca, deu a coñecer unha nova medida para axudar tanto ás familias como aos sectores produtivos do municipio. Este mércores asinou un decreto para mobilizar medio millón de euros a repartir entre os 18.706 habitantes empadroados.

Ese diñeiro distribuirase en bonos de 25 euros atendendo ao número de persoas que conforman as unidades familiares. Os cupóns servirán para trocalos en calquera tipo de empresa que opere en Monforte.

Para acceder a estas axudas simplemente será preciso acreditar estar empadroado. Tras realizar os trámites de alta, o rexedor monfortino garantiu que a aqueles domicilios conformados por unha ou dúas persoas chegarán dous bonos canxeables por valor de 25 euros cada un. En caso das casas onde residan entre tres e catro persoas entregaranse tres (75 euros totais); e nas vivendas ocupadas por cinco ou máis veciños, catro bonos (100 euros).

Tomé: "Falamos dunha axuda importante ás familias, pero tamén dun impulso do comercio, da hostalería e dos pequenos profesionais que traballan en Monforte"

Os USOS. José Tomé sinalou que estas cartillas se poderán utilizar en tendas de alimentación, de roupa e complementos, ferraxerías, barberías ou en empresas de electricidade e albanelería, entre outras, así como nos establecementos hostaleiros. Só quedan fóra das oportunidades de compra as bebidas alcohólicas.

O mandatario local subliñou que se se realiza unha compra inferior aos 25 euros de cada bono perderase a diferenza. No caso de que sexa superior será preciso achegar a diferenza.

PRAZOS. O alcalde indicou que as axudas se poderán solicitar unha vez que as bases salgan publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP), previsiblemente as próximas semanas, abríndose un prazo de 15 días hábiles.

Preténdese que a data de 31 de outubro deste ano todos os bonos de consumo estean trocados

Os trámites poderá realizarse de forma presencial ou vía telemática a través da páxina web municipal.

A idea é que a data de 31 de outubro deste ano todos os bonos de consumo estean canxeados. "A nosa intención é que o diñeiro circule canto antes. Falamos dunha axuda importante ás familias, pero tamén dun impulso do comercio, da hostalería e dos pequenos profesionais que traballan en Monforte, xa que eses cartos acabarán nos seus negocios", destacou José Tomé.

NÚMEROS. O rexedor debullou os números de unidades familiares empadroadas en Monforte. Hai un total de 4.870 vivendas nas que viven entre unha e dúas persoas.

En canto aos domicilios ocupados por tres ou catro, a cifra sitúase en 2.419.

Ás 20.00 horas deste venres celébrase un pleno extraordinario solicitado polos partidos da oposición

As familias máis numerosas, formadas por cinco ou máis membros, son as que menos hai, en concreto 502.

Tomé dixo que este plan se suma a "outros postos en marcha por este equipo de goberno en relacións ás políticas sociais, prioritarias para nós, como así o reflexan os sucesivos orzamentos municipais, sempre pensados para movilizar recursos para os máis desfavorecidos".

Esta iniciativa súmase a outra, chamada Reactiva Monforte, na que se concederon axudas tanto a empresarios que tiveron que pechar os seus negocios temporalmente como a traballadores que entraron nun Erte. Os expedientes tramitados foron 1.209.

O Concello destina neste caso 1,4 millóns de euros a impulsar os sectores produtivos de Monforte a fin de minimizar os efectos da crise económica derivada da pandemia.

O alcalde, José Tomé, destacou que é "a maior inxección feita polo Concello na súa historia". Hai cinco liñas de axudas. A primeira, de mil euros, para establecementos comerciais. A segunda, de 200 euros, destínase a autónomos que tiveron que parar polo Covid-19 e contempláronse outras para traballadores afectados por expedientes de regulación de emprego.

En total, dixo Tomé, entre esta iniciativa e a que se porá en marcha o Concello mobilizará case dous millóns de euros.

PLENO.  Ás 20.00 horas deste venres celébrase un pleno extraordinario solicitado polos partidos da oposición no Concello monfortino (PP, Esperta Monforte e BNG), co fin de esixir a creación dunha mesa sectorial que se encargue de analizar a situación socioeconómica da comarca e deseñar liñas de intervención para axudar a paliar as consecuencias económicas, laborais e sociais derivadas da pandemia. A Esperta non lle gusta o deseño de repartición de axudas do equipo de goberno, por iso é polo que promove este pleno ao que espera asista o maior número posible de veciños para mostrar o seu rexeitamento.

Comentarios