O Concello pavimenta con pedra rústica a poboación de Vieiros

Varias zonas da capitalidade quiroguesa son obxecto de pequenas melloras
Visita del alcalde a la localidad de Vieiros. EP
photo_camera Visita do alcalde á localidade de Vieiros. EP

O Concello de Quiroga traballa en varias melloras urbanísticas no municipio grazas á colaboración da Deputación de Lugo por medio do seu plan único. Unha destas obras é a pavimentación da localidade de Vieiros.

Trátase dunha poboación que se atopa a máis de 900 metros de altitude dentro da parroquia da Seara. Estivo practicamente deshabitada nos anos 90, pero agora recuperou algúns veciños que están a pór en marcha varios proxectos de rehabilitación de vivendas.

O alcalde de Quiroga, Xullo Álvarez, acompañado polo enxeñeiro municipal, visitou as obras, que consisten na pavimentación con pedra rústica das calzadas deste núcleo. Ademais, aproveitouse para instalar unha rede de saneamento e canalizar o abastecemento de auga e a subministración eléctrica. Os traballos que se executan na actualidade correspóndense a unha primeira fase de intervención en Vieiros, plan enmarcado dentro do plan único do ano 2019.

TALLER DE EMPREGO. Os traballadores do taller de emprego Silor proceden desde hai días a retocar varias zonas da capitalidade municipal. Os traballos comezaron na zona da Praza Maior. Empezaron polas escaleiras do cruceiro que preside esta praza, onde foi preciso recolocar algún chanzo.

Tamén se lle dará unha volta á parede que rodea este espazo para arranxar algún que outro dano se traballará na reparación do empedrado desta zona do barrio antigo da vila quiroguesa.

Así mesmo, os alumnos actuaron na Rúa Real, á altura do entroncamento coa Rúa Victorino Núñez.

Os traballos consistiron na colocación de formigón nun pequeno tramo que estaba medio afundido polo soterramento de cableado eléctrico.

Comentarios