O alcalde de Monforte, José Tomé, e o presidente de Paradores de España, Óscar López, mantiveron este luns unha reunión de traballo na que acordaron, entre outras iniciativas, realizar accións conxuntas de promoción "e mellora" para impulsar a recuperación da muralla medieval da cidade, tanto pola súa importancia histórica como polo seu valor como recurso turístico.
Tras o encontro, Tomé e López ofreceron unha rolda de prensa na que explicaron os pormenores das liñas de traballo establecidas por ambas as entidades, encamiñadas a conseguir un "dobre obxectivo": recuperar a muralla e establecer estratexias de promoción turística da localidade a través do seu parador.
En relación coa muralla, o rexedor incidiu en que o Concello está a traballar para poder arrincar os traballos previos que poidan supoñer o inicio da recuperación da construción e da contorna de San Vicente, dada a recente aprobación do Plan Especial do Centro histórico. "O que queremos é buscar unha solución de conxunto, independentemente de quen sexa o propietario de determinados tramos da muralla, para recuperar un ben de interese cultural que temos na ladeira que rodea o conxunto histórico de San Vicente, e no que se atopa o Parador Nacional de Turismo", dixo José Tomé.
Pola súa banda, o presidente de Paradores destacou tamén o acordo para promocionar, a través do establecemento na localidade, as posibilidades turísticas de Monforte e da Ribeira Sacra. "Turespaña e Paradores teñen toda a vontade de elaborar proxectos de promoción turística para Monforte e de colaborar para a rehabilitación da súa muralla, dada a súa importancia histórica e o seu valor como recurso turístico", dixo.
Óscar López tamén destacou as cifras que demostran o bo funcionamento do parador de Monforte. En 2019, facturou 1,4 millóns de euros e tivo un índice de ocupación medio, durante os fins de semana do ano, do 71%, e do 51% de media anual.