O Concello de Monforte revisará a numeración de todas as vivendas

O Concello indicou que hai importantes desfasamentos que ocasionan numerosos problemas. A iniciativa, que ten un custo de 18.000 euros, inclúe unha planimetría do municipio
Vista parcial de la ciudad de Monforte. AEP
photo_camera Vista parcial da cidade de Monforte de Lemos. AEP

O Concello monfortino decidiu revisar a numeración de todos os inmobles do municipio, tanto os de ámbito urbano como rural; ademais de actualizar a planimetría do territorio, un traballo que se realizará por primeira vez de forma integral en Monforte. O alcalde, José Tomé, asinou o contrato para levar adiante tales labores. Asumiraas a empresa local Abante por case 18.000 euros.

A posta en marcha desta iniciativa, destacou Tomé, busca liquidar tres problemáticas que se están dando en relación á numeración e localización de vivendas.

Unha dáse á hora da recepción da correspondencia postal. Hoxe en día o persoal de Correos cambia continuamente, co que os carteiros moitas veces non coñecen a localización de determinados inmobles, sobre todo, no medio.

A segunda ten que ver coa repartición de paquetería. Adquírense cada vez máis produtos por internet, o que propiciou o aumento de empresas de distribución e moitas veces só contan coa localización GPS para atopar o destino de entrega. Así, a actualización de planos e numeración, do mesmo xeito que no caso anterior, é fundamental, sinalaron desde o equipo de goberno local.

Así mesmo, danse problemas coa asistencia sanitaria de urxencias. Para iso, explicaron desde o Concello, é necesaria unha idónea localización do lugar de atención, dado que, ademais, nestes casos o tempo de resposta é fundamental.

A recepción postal, a repartición de paquetería ou a asistencia sanitaria son algúns dos servizos que o Concello quere mellorar

CRONOGRAMA. Os traballos para actualizar a numeración de inmobles e a planimetría desenvolveranse en dúas fases. Nos primeiros seis meses levará a cabo un traballo de campo en todo o termo municipal. Finalizado este período, a empresa deberá presentar no Concello os datos correspondentes en soporte papel e dixital.

Nos seis meses restantes, o contratista, en coordinación co persoal do Concello, efectuará tarefas de actualización de toda a documentación gráfica, incluído a corrección de posibles erros detectados, debendo quedar esta plenamente actualizada na data de finalización do contrato. Nesta fase, o que se pretende é contrastar a información recollida, localizar posibles erros, e facer todas aquelas correccións que se consideren pertinentes.

José Tomé sinalou que á finalización do contrato Abante deberá entregar un informe dos traballos realizados e da metodoloxía utilizada que sirva para utilizar posteriormente por parte dos técnicos municipais do servizo para a tramitación de altas, baixas ou modificacións no padrón de habitantes, así como para calquera outra xestión relacionada co censo de vivendas e veciños.

Comentarios