O Concello de Monforte manterá pechada a súa web uns días tras o ataque dun hacker ruso

O goberno local insistiu en que non houbo roubo de datos de ningún tipo

Casa do Concello de Monforte. EP
photo_camera Casa do Concello de Monforte. EP

O Concello de Monforte manterá pechada a súa web uns días para limpala tras o posible ataque dun hacker ruso

A administración apunta que non se produciu o roubo de datos, nin da páxina nin de usuarios ou clientes. O acto consistiu na inserción de publicidade maliciosa.

Os técnicos informáticos do Concello detectaron o ataque a tarde do luns, 31 de xaneiro, cando aparecían contidos non desexados no momento de acceder ao portal de inicio da web.

Entón decidiuse que a páxina permanecese provisionalmente fóra de servizo, ata que os problemas derivados do ataque fosen emendados. A mañá deste martes parecía que a dificultade estaba resolta e podía porse de novo a web operativa. Con todo, ao entrar a outros apartados da plataforma aparecía a mesma publicidade maliciosa, razón pola cal o Concello decidiu pechar dous ou tres días a web para limpala do todo. Desde a administración municipal apuntan a un posible ataque dun hacker ruso.

A sede electrónica non deixou de funcionar en ningún momento e segue a disposición a través da dirección sede.monfortedelemos.es. Desde o Concello aseguran que o seu funcionamento é completamente normal.

O goberno local insistiu en que non houbo roubo de datos de ningún tipo. Trátase dun ataque de spam, xeneralizado e indiscriminado que tampouco se apropiou da web. Tamén se descartou que sexa un golpe feito á mantenta contra o Concello.

Comentarios