Monforte levantará unha ponte sobre o Cabe similar á que caeu en 1952

Irá de Ramberde ao Malecón e suporá un investimento que excederá o millón de euros
2020060210253078372
photo_camera Ponte de ferro sobre o Cabe, que caeu en 1952 por falta de mantemento. AEP

O alcalde monfortino, José Tomé Roca, presentou na tarde deste luns o que será, tal e como recoñeceu ante os medios de comunicación, o proxecto estrela para este mandato. Trátase de construír unha ponte entre Ramberde e o Paseo do Malecón, substituíndo a actual pasarela de madeira peonil neste punto, que sirva para o tráfico de vehículos. A proposta do equipo de goberno consiste en recrear o viaduto de ferro que se veu abaixo hai 68 anos no lugar que hoxe está a coñecida como ponte nova.

Tomé Roca sinalou que esa recreación, que deberá axustarse o máis fielmente posible á ponte desaparecida, servirá para recuperar "parte da nosa historia, do noso patrimonio, e volver contar cunha infraestrutura emblemática". A estes valores, o alcalde sumou a mellora das comunicacións no centro da cidade, xa que ese novo viaduto servirá para converter en peonil a ponte medieval, algo que diferentes colectivos levan reclamando desde hai décadas.

Descoñécese o estado de conservación desta ponte do século XVI pola que a diario pasan centenares de coches, pero todo apunta a que a circulación tanto de turismo como de camións de pequena tonelaxe non axuda á boa conservación da súa estrutura.

No plan especial de protección do centro histórico de Monforte, en fase de tramitación, fálase da necesidade de pechalo á circulación e inclúese como preciso para a permeabilidade no centro da cidade construír un acceso alternativo.

As características marcadas para a nova ponte son que dispoña de dous carrís para vehículos de 3,5 metros de ancho cada un, así como de dúas beirarrúas de 2,5 metros.

Os alicerces terán que estar nas beiras da canle para que o van sexa diáfano, ademais de ser esencial que a estrutura sexa totalmente metálica, utilizando para iso como único material o ferro.

A ponte terá dous carrís para vehículos e unha estrutura totalmente metálica

O custo estimado de tal proxecto elévase por enriba do millón de euros, dixo José Tomé, quen tamén sinalou que dispón do financiamento necesario para executar a obra. Conta con fondos propios, do Concello, pero espera contar co apoio doutras administracións, destacou.

O Concello deberá contar co beneplácito tanto da Dirección Xeral do Patrimonio como da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dous organismos que dadas as características do proxecto non se espera que poñan pega ao seu desenvolvemento.

Tomé asegurou que non ve nada que "imposibilite a súa execución sempre que nos adaptemos á normativa". Ademais, destacou o aspecto relacionado coa recuperación do patrimonio perdido cun "proxecto moi importante que coma alcalde comprometínme cos veciños para que sexa unha realidade durante o actual mandato".

Concurso de ideas con premio á mellor proposta 
O Concello de Monforte propuxo abrir un concurso de ideas, unha especie de redacción dun anteproxecto, ao que todos os interesados poden acudir coas súas propostas ata as 14 horas do día 16 do presente mes. As bases están na web municipal. Un xurado composto por técnicos de dúas universidades galegas, outros tantos de Camiños e Portos e dous especialistas en enxeñería da Deputación serán os encargados de avaliar as ideas. 

Recoñecemento 
O gañador levará como galardón a redacción do proxecto de obra, pero tamén a súa dirección.

 

A falta de mantemento colapsou o vello viaduto en só 48 anos 

Os monfortinos non esquecen a ponte inaugurada o 25 de abril de 1904 e que se veu abaixo en 1952 debido, segundo consta en varias actas de plenos celebrados pola corporación municipal, por un patente estado de abandono en canto ao seu mantemento. Os veciños de maior idade recordan con nostalxia aquel viaduto, típico de principios de século XX, cando o metal, emulando os canons marcados por Gustave Eiffel, estaba de moda para levar a cabo grandes infraestruturas. 

As fotografías que inmortalizaron amontóanse en numerosas páxinas de internet como unha homenaxe a unha ponte que, como recoñecen moitos residentes na cidade do Cabe, gustaríalles que non se tivese perdido de forma definitiva.

Agora a súa recuperación é posible a través da iniciativa municipal de Tomé, a de construír unha nova que replique da forma máis exacta posible a anterior.

Comentarios