O alcalde de Chantada, Manuel Varela, explicou este luns que o Concello busca unha residencia para as dúas mulleres, nai e filla, que foron atopadas en estado de desnutrición nunha vivenda deste municipio na que levaban varios días encerradas.
"Seguen hospitalizadas e estamos a intentar conseguir dous sitios nunha residencia e, se pode ser a de Chantada moito mellor, para que sigan estando xuntas", apunta o alcalde. "Tivemos moitísima sorte e sospeitabamos que puidese ocorrer unha desgraza, como que puidese estar morta a maior", admitiu Manuel Varela.
Afortunadamente encontraron as mulleres con vida, a máis nova, de 48 anos "moi afectada psicoloxicamente, e a muller maior (de 89 anos) con bastante desnutrición". Ademais, relatou que se verificou ao entrar na casa que "a alimentación era desastrosa". "É unha pena porque non teñen necesidade, porque o marido, xa falecido, tiña unha boa xubilación. Teñen unha casa con dúas plantas, case no centro de Chantada", abundou o alcalde.
Varela detallou que estas dúas persoas presentaban "pouca atención, con problemas psicolóxicos, sobre todo a moza". "A ver se lles atopamos un sitio en condicións", resaltou o rexedor de Chantada, que atribúe o estado no que se atopaba a vivenda a un problema derivado da chamada "síndrome de Dióxenes".
Había quince días que ninguén vía as dúas mulleres e unha veciña deu a voz de alarma. O aviso foi atendido no Concello, que inmediatamente se puxo en contacto co xulgado que autorizou a entrada da Policía Local nesta vivenda no centro de Chantada.