A comisión da autovía A-76 pide a redacción do tramo de Monforte

José Tomé solicita a Fomento que active o proxecto de trazado na comarca para que poida realizarse dentro dos prazos previstos

La comisión de la A-76, en la reunión celebrada en Valdeorras. TOÑO PARGA
photo_camera A comisión da A-76, na reunión celebrada en Valdeorras. TOÑO PARGA

Os membros da comisión da autovía A-76 (Ponferrada-Ourense) acordaron o xoves no Barco de Valdeorras pedir ao Ministerio de Fomento que axilice os trámites para a redacción do trazado de autovía que pasará por Monforte. O alcalde moonfortino, José Tome, sinalou a necesidade de que se dea o visto bo a esta fase para que os prazos do proxecto construtivo se cumpran tal e como estaban previstos.

José Tomé manifestou que a redacción do proxecto de trazado está aprobado desde o pasado mes de novembro e que desde a comisión e o propio Concello o que pedían era "que se adxudique canto antes ese estudo de trazado para que se cumpran os prazos que nos presentaron no seu día".

Nese aspecto, o alcalde de Monforte apuntou que pola información aparecida no Boletín Oficial do Estado (BOE) o prazo de licitación era de 18 meses.

Tomé indicou que non tiñan constancia de que o proxecto de trazado de Monforte estivese presentado, polo que pide ao Ministerio de Fomento rapidez para que non se incumpran os prazos previstos.

A comisión presentará catro propostas a Fomento para os tramos de Cascallá, Requejo e Vilamartín de Valdeorras

Desde a comisión da A-76 sinalaron que o alcalde de Monforte e o do Barco de Valdeorras, Alfredo García, reuniríanse en breve co secretario de Estado de Infraestruturas para expor as peticións da plataforma e coñecer en que punto se atopa o proxecto da A-76.

PROPOSTAS. Ademais dos acordos correspondentes á cidade monfortina, a comisión redactou outras peticións para presentar a Fomento.

Segundo detallaron en rolda de prensa, a comisión solicitará a Fomento que termine o proxecto de trazado do tramo O Barco-Veiga de Cascallá, que é o máis avanzado ata agora, para que na primavera de 2019 salga a concurso o proxecto construtivo.

De igual xeito solicitarán que se aprobe o plan de obra de Vilamartín da Abadía-Requejo para que en 2019 poidan empezar as obras.

En canto ao trazado comprendido entre Requejo e Veiga de Cascallá, os membros da plataforma solicitaron a finalización do proxecto de trazado para poder iniciar a segunda fase.

Outra das propostas que exporán a Fomento será a construción dun terceiro carril no alto da Guítara, na estrada Nacional 120, para crear zonas de adiantamento no tramo que vai cara a Ourense.

Comentarios