Os comerciantes de Chantada piden suprimir as cotas dos autónomos

Os socios do Centro Comercial Aberto (CCA) e a asociación de empresarios de Chantada consideran insuficientes os plans de apoio ao pequeno e mediano comercio que contempla o Goberno central. "Non teñen aplicación real nas economías das nosas empresas", indicaron.

Por iso, reclaman que se articule un paquete de medidas "reais" para unha situación que pon na picota numerosos autónomos, como a supresión das cotas de autónomos, independentemente do grao de afectación en cada negocio.

Desde o CCA sinalaron que traballan con entidades financeiras para axudar a axilizar calquera tipo de financiamento e liquidez para calquera negocio que o necesite.

Doutra banda, os comerciantes consideran que os expedientes de regulación de emprego temporal (Erte) son "un acerto, pero é preciso unha maior concreción no procedemento así coma na axilización dos trámites que estes carrexan", destacaron.

O CCA decidiu suspender o cobro das cotas aos seus asociados mentres dure a crise do coronavirus.

Comentarios