miércoles. 23.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 23.09.2020
El tiempo

...E para comer, Xantarda

Alberto García, no estudio onde deseñou Xantarda cun dos códigos QR que dirixen ás cartas dos negocios.
Alberto García, no estudio onde deseñou Xantarda cun dos códigos QR que dirixen ás cartas dos negocios.
Alberto García creou unha páxina web con información moi detallada sobre bares e restaurantes de Chantada

CADA VENRES, Alberto García Olivero adoitaba xantar cos seus compañeiros de traballo. Só tiñan unha hora antes de volver ao seu posto na empresa Hotusa e non podían perder moito tempo decidindo onde ir. Había que chamar a cada sitio, preguntar se había mesa libre, saber o menú, debater a opción que máis gustaba e logo volver telefonar para reservar.

Da necesidade de axilizar todo este proceso xurdiu a idea de Xantarda, unha plataforma web na que o usuario pode atopar información moi detallada sobre bares e restaurantes de Chantada. Coma se foran unhas páxinas amarelas dixitais, na páxina aparece desde a dirección, o horario ou o contacto ata a ubicación en Google Maps ou a carta de cada negocio.

O confinamento serviulle a Alberto para lanzar a web nun tempo "récord". O 1 de abril comezou o traballo no estudio da súa casa. A comezos de maio, co comezo da desescalada, Xantarda estaba case lista. Só necesitaba incluír os establecementos e a información sobre eles. Entón comezou unha ruta para facer contactos.

Xantarda ofrece agora datos sobre 35 locais de hostalería. 28 forman parte da asociación de empresarios, que axudou a Alberto co proxecto. O seu grande obxectivo é que na plataforma estean todos os bares e restaurantes de Chantada, aínda que non hai présa por cumprilo. "Irei a máis sitios proximamente e a ver se cando a situación sanitaria mellore podemos incluír máis servizos como a reserva de mesa a través da web ou a petición de comida a domicilio", di.

Método fácil. Nun tempo no que se evitan as cartas físicas para que a xente non teña que tocar nada e así reducir o risco de contaxio de Covid-19, Xantarda permite saber que hai en cada sitio só con mirar á pantalla do teléfono móbil.

En moitos restaurantes e bares de Chantada colocáronse unhas pegatinas cun código QR. Ao descargalo coa cámara ábrese un enlace á web de Xantarda, que dirixe o usuario cara a carta do establecemento en cuestión.

Desde a casa ou a rúa tamén é posible averiguar a oferta de cada sitio. "A web está deseñada para adaptarse a calquera tipo de pantalla, xa sexa dun móbil, unha tablet ou un ordenador", comenta Alberto García, quen relata que o prototipo de Xantarda naceu cando estudou o ciclo de Desarrollo de Aplicaciones y Multiplataformas. Foi o seu proxecto final e valeulle a nota máxima, un dez.

Recoñecemento. Esa fantástica cualificación non é o único éxito colleitado por Xantarda no seu escaso tempo de existencia. A Deputación de Lugo incluíuna entre os cinco premiados dun certame provincial de promoción turística e gastronómica.

Aínda están no aire a data e o xeito de recibir o galardón, pero Alberto atópase moi satisfeito e agarda que o premio sexa un impulso máis para a súa web, que tivo unha moi boa acollida entre os veciños e os hostaleiros de Chantada. "Todos aos que lles pregunto están encantados. A idea parécelles estupenda e cren que era moi necesario desenvolvela", subliña.

Unha pequena exploración por Xantarda abonda para darse conta de que as posibilidades son múltiples e é moi sinxelo aproveitarse delas. Os usuarios poden ata facer un filtro en función do que lles apetece, o tipo de establecemento ao que desexan ir, se é aceptado o pago con tarxeta de crédito ou se hai wifi dispoñible.

Todo está feito para que o proceso de saír comer sexa áxil, cómodo e, sobre todo, seguro. A pandemia obrigou a reinventarse e unhas grandes aliadas poden ser as novas tecnoloxías coma Xantarda, a plataforma xestada naqueles venres nos que uns traballadores de Hotusa discutían onde ir xantar.

...E para comer, Xantarda
comentarios