O colexio monfortino do Cardenal, declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta

O decreto entrará en vigor tras a súa publicación no DOG. A delimitación inclúe o Campo da Compañía, por estar relacionado na súa orixe á propia construción do todo o conxunto
undefined
photo_camera A fachada do colexio do Cardenal. MIGUEL PIÑEIRO

O Consello da Xunta deu luz verde este xoves ao decreto co que se declara Ben de Interese Cultural (BIC) o colexio monfortino de Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido como O Cardeal ou Os Escolapios. O documento entrará en vigor tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O expediente incorpora, ademais, a ampliación da delimitación para incluír na protección o Campo da Compañía. Esta decisión vén motivada porque o espazo, na súa orixe, estivo relacionado á propia construción do conxunto, así como pola idea de axustarse á contorna.

Chega así ao seu fin un proceso iniciado en 2016 pola Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga, que presentou entón unha solicitude de declaración BIC. Patrimonio elaborou posteriormente un informe específico e solicitou o parecer dos órganos asesores e consultivos. Máis tarde, en 2019, chegou a incoación do expediente, o inicio da súa tramitación e a aplicación da protección inmediata e provisional do monumento.

O recoñecemento é extensivo a diferentes bens mobles artísticos e bibliográficos gardados no museo. Alí figuran obras de artistas como El Greco ou documentos dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e a de Alba.

O decreto xustifica a declaración no papel fundamental que o colexio de Nosa Señora da Antiga desempeñou durante o Renacemento en Galicia. Tamén se considerou clave para comprender a historia de Monforte e o protagonismo da Casa de Lemos na configuración da cidade do río Cabe.

Outro dos aspectos destacados polo documento é a importancia do mecenado eclesiástico en España no século XVI, do mesmo xeito que o proceso educativo impulsado polas xesuítas. De feito, os informes destacan especialmente que desde a súa fundación, hai máis de 400 anos, ata os tempos actuais, o colexio mantivo a súa función inicial, o ensino. Aínda hoxe en día cúrsase no interior do edificio educación infantil, primaria e secundaria.

Outro paso na carreira cara ao Ben Mundial 
A Xunta destacou que este recoñecemento ao colexio do Cardeal serve para poñer en valor os bens de Ribeira Sacra e impulsar a súa candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco, que encara a súa recta final e foi reforzada coa declaración BIC de todo o territorio. O Goberno galego valorou tamén a súa aposta por conservar e potenciar os recursos patrimoniais. En Galicia hai na actualidade un total de 747 BIC. 

Investimentos 
O inmoble está a ser sometido a traballos de conservación e revalorización por valor de medio millón de euros. Entre as actuacións levadas a cabo pola Xunta están a mellora da iluminación da pinacoteca ou a resolución de deficiencias na bóveda do presbiterio e nas carpinterías do interior.

Comentarios