Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Oito colectivos crean en Monforte unha plataforma para defender o tren

Un veciño atravesa un dos pasos a nivel situados en Rioseco, preto da estación do ferrocarril. TOÑO PARGA
Un veciño atravesa un dos pasos a nivel situados en Rioseco, preto da estación do ferrocarril. TOÑO PARGA

Os promotores piden que se somen todo tipo de asociacións para fortalecer o novo grupo

Os responsables de seis sindicatos, todos eles con representación nas empresas ferroviarias estatais (Adif e Renfe), así como dous partidos políticos integrados na corporación municipal de Monforte decidiron constituír unha plataforma que, din, terá como finalidade a defensa dun "ferrocarril público de calidade", algo que consideran que agora non se dá en Galicia, pero con especial incidencia na comarca de Lemos.

Falan, entre outras cousas, de perda de servizos e dun tren que, cren, está obsoleto. Aseguran que existe "unha falta de mantemento das infraestruturas, tanto por falta de persoal como de investimentos".

Entre as reivindicacións que queren pór sobre a mesa para que sexan escoitadas están o aumento das frecuencias de servizos rexionais entre Monforte, Lugo, Ourense e Vigo, pero tamén proxectos de calado que se atopan desde hai anos plasmados en papel e dos que nada se sabe, como a supresión dos pasos a nivel, un total de seis, situados no centro urbano monfortino; ademais da asunción por parte do Ministerio de Fomento do plan para unir a capital da provincia con Ourense mediante un tren lanzadeira que achegue aos veciños de Lugo á alta velocidade ferroviaria.

O impulso do porto seco é outra das súas propostas ao ver, din, como segue baleiro e non hai visos da chegada de ningunha empresa loxística de mercancías que faga de locomotora para que outras se animen a instaurarse no espazo.

Os promotores engaden que queren propor todo isto e moito máis a través dun "documento vivo, aberto a ideas para o seu debate" e así chegar a redactar "medidas reais e factibles que poidan dar continuidade a Monforte como nó ferroviario".

Oito colectivos crean en Monforte unha plataforma para defender o tren
Comentarios