Cifran en medio millón de euros o impacto económico do Festival 17º Ribeira Sacra

O retorno sitúase en 2,5 euros por cada euro investido polo festival
Un dos concertos do Festival 17º Ribeira Sacra. JAVIER ROSA ©
photo_camera Un dos concertos do Festival 17º Ribeira Sacra. JAVIER ROSA ©

O estudo de avaliación do impacto do Festival 17º Ribeira Sacra cifra en preto de 500.000 euros o retorno económico deste evento en toda a súa zona de influencia, segundo os datos que foron presentados este luns en Lugo.

Segundo informou a Xunta, a Consellería de Cultura está a impulsar a elaboración deste tipo de informes socioeconómicos nos eventos patrocinados pola Administración galega baixo a marca FEST Galicia, co obxecto de coñecer de forma concreta a súa repercusión.

Os resultados foron obtidos a partir de 815 enquisas directas a asistentes e das cifras facilitadas polo propio festival

Segundo explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, da realización destes estudos encárgase o Grupo de Investigación en Economía da Cultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co apoio do Goberno galego.

No caso, do Festival 17º Ribeira Sacra, que celebrou a súa terceira edición do 18 ao 20 de xullo en distintas localizacións de Monforte de Lemos, Sober e Chantada; e os días 26 e 27 en Castro Caldelas, Ribas de Sil e Nogueira de Ramuín; os resultados foron obtidos a partir de 815 enquisas directas a asistentes e das cifras facilitadas polo propio festival.

Para o responsable da Agadic, o estudo achega "datos moi útiles" para coñecer e difundir o valor dos festivais de música como motores culturais, económicos e turísticos das súas comarcas.

Entre outros datos destacables está a valoración do público, que puntúa esta última edición cun 8,2 sobre 10

FESTIVAL 17º RIBEIRA SACRA. Neste caso, por exemplo, a contabilización de 3.500 visitas (unhas 1.600 persoas diferentes) durante o evento na Ribeira Sacra, das que un 21% proceden de fóra de Galicia, cun gasto medio por persoa e día estimado en 77 euros (sen incluír transporte).

Con iso, o retorno do impacto económico sitúase en 2,5 euros por cada euro investido polo festival, subliñando que esta contía "increméntase notablemente ao analizar a optimización do investimento público por parte da organización do evento". Neste caso, as marxes fluctúan "entre 13,4 e 16,2 euros por cada euro dos 21.136 adxudicados ao Festival 17º Ribeira Sacra" a través da última convocatoria de subvencións da Xunta a festivais de música.

Entre outros datos destacables está a valoración do público, que puntúa esta última edición cun 8,2 sobre 10 e, en concreto, outorga notas próximas ou por encima dos 9 puntos a cuestións como a localización e integración na contorna, o trato do persoal, a sensación de seguridade ou o mantemento dos espazos.

No relativo ao perfil de asistente máis común, trátase dunha muller, galega, de entre 35 e 44 anos, con estudos universitarios, traballadora por conta allea e que acode en grupo con dúas persoas.

Comentarios