Un científico de Monforte, incluído no quinteto dos máis destacados de Galicia

O físico teórico Carlos A. Salgado resultou recoñecido cunha medalla para investigación que concede a Academia Galega de Ciencias
Carlos Salgado. USC
photo_camera Carlos Salgado. USC

Carlos A. Salgado (Monforte, 1971) "trangallaba" na casa facendo imáns e motores a principios dos 80. Agora segue "trangallando" con ordenadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (Igfae) para coñecer mellor as partículas que estaban no Universo nas micromilésimas posteriores á que estourase a bóla na que estaba concentrada toda a materia cunha densidade que non dariamos concebido. Como bo científico, Salgado busca a precisión e censura que se fale de bóla, pero unha esfera pequenísima sería a imaxe máis cercana á esa concentración de materia "sen límites nin centro".

Esa investigación valeulle que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) o incluíse no quinteto de investigadores máis destacados de Galicia e lle concedese unha das cinco medallas de investigación deste ano. Carlos Salgado,director do Igfae, recibirá o xoves a medalla Enrique Vidal Abascal.

Moitos avances que foi logrando na súa busca foron realizables grazas ao acelerador de partículas que hai no Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN), en Suíza. O acelerador é un tubo inmenso que ocupa un túnel de 27 kilómetros de circunferencia a cen metros baixo terra a través do que se lanzan partículas en ambas direccións a unhas velocidades de vertixe para que choquen. Ese golpe permite estudar as súas propiedades e efectos. Esta máquina poderosa é mantida por 21 países, sobre todo europeos, entre os que figura España.

Despois de estudar Física na USC e de formarse en París, e antes de facelo en Roma, Carlos Salgado traballou durante oito anos no CERN. Puido baixar ao túnel nos que aceleran as partículas, a pesar de que os físicos teóricos teñen "fama de patosos" nos laboratorios.

Hai un proxecto de construír un acelerador catro veces maior, de 100 quilómetros, pero os 21.000 millóns de presuposto necesarios poida que atrasen a inauguración ata a década dos anos 40. "O Igfae fixo propostas e cálculos" para experimentos "a facer co aparello".

A concreción da partícula Bosón de Higgs, que levaba buscándose dende 1964 e que dá masa a outras partículas, permitiu "completar o puzzle" da física, pero, ao tempo, os científicos foron conscientes de que deben superar ese puzzle facendo outro máis complexo para explicar o Universo máis en detalle. "Coñecemos un 5% por cento do Universo e sabemos que hai case outro 25% que é materia escura cuxa natureza ignoramos. A maiores, faltaríanos o 70% de composición. Sobre esa maior parte carecemos mesmo de intuicións", explicou.

Comentarios