Un chantadés comparte en Youtube as súas catas de viños do D.O. Ribeira Sacra

Pretende achegar aos seus seguidores os caldos da zona dunha forma sinxela e de cara ao futuro espera poder chegar a máis denominacións
photo_camera José Pastor Lorenzo catando un viño nun dos seus vídeos. EP

O chantadés José Pastor Lorenzo lanzou unha canle de Youtube coa que pretende, a través de breves catas, "achegar o mundo do viño de forma sinxela a todas as persoas ás que lle interese, teñan ou non coñecementos". Pastor, cuxa canle se chama Jpastuchy Wine, é técnico superior vitivinícola, aínda que traballa nunha brigada de incendios. Precisamente, isto é o que o levou a iniciarse cos vídeos de catas: "Non quería deixar de lado a miña afección polo viño", asegura.

Cada unha das pezas que comparte non supera os tres minutos, "para ser conciso e non cansar á xente", e nelas presenta as botellas, analiza o proceso de vinificación dos caldos e despois pasa a unha cata rápida na que entra a valorar aspectos visuais, olfativos e gustativos. Pero iso non é todo, senón que en cada vídeo intenta ensinar a paisaxe que rodea as instalacións de cada adega.

O obxectivo de Jpastuchy Wine é "que a xente probe o viño e que o aprecie e que todo o mundo beba sen medo", conta Pastor, que polo momento xa subiu seis vídeos. Todos eles son de adegas da Ribeira Sacra, pero a súa intención é chegar a comentar caldos de toda España. A semana que vén xa anuncia que visitará a D.O. Ribeiro e o próximo mes gravará en adegas de Rías Baixas, para explorar máis adiante outros territorios e dar o salto ao resto de comunidades.

Ademais dos vídeos de catas, que publica cada venres en Youtube, Pastor non descarta abrirse a outros formatos, como realizar entrevistas a expertos. Tamén creará contido para a súa conta de Instagram, que leva o mesmo nome, Jpastuchy Wine.

Jpastuchy Wine, que polo momento xa subiu seis vídeos, visitará a semana próxima o D.O Ribeiro e creará paralelamente contido para o seu perfil de Instagram, co mesmo nome

VIñOS ÚNICOS. Nos seus primeiros vídeos, cos que busca consolidar a súa canle de Youtube, visitou adegas de Chantada e Amandi. Considera que na Ribeira Sacra cada subzona "ten o seu toque distintivo", aínda que todas comparten un aspecto: "Dan viños únicos".

E isto débese a que, segundo Jpastuchy, "son capaces de transmitir á perfección a paisaxe na que se elaboran, a forma de viñificar nestas terras e un compendio de aromas e sabores que non deixa a ninguén indiferente".

INTERÉS. Pastor considera que cada vez hai máis xente interesada en saber máis sobre os viños que bebe. E isto débese, en boa medida, á aposta polo enoturismo que están a levar a cabo as adegas. "É un valor engadido moi importante e fai que os turistas compren viño nas visitas e leven a marca Ribeira Sacra aos seus lugares de procedencia", di.

Ademais, este youtuber está a constatar un crecente consumo de viño por parte dos mozos, que, nas terrazas, "antes sempre se tomaban unha caña, pero iso empeza a cambiar".

Comentarios