O centro de saúde chantadés ten pediatra só dous días á semana para 762 nenos

O servizo está outra vez collo pola baixa do médico titular e o Sergas asegura que nas listas de contratación non hai especialistas
centrodesalud (1)
photo_camera Centro de saúde de Chantada. MIGUEL PIÑEIRO

Unha vella historia está de volta no centro de saúde de Chantada. A pediatra titular púxose de baixa e o Sergas só está a cubrir a súa praza dous días á semana, segundo denunciaron profesionais e usuarios do ambulatorio.

As fontes consultadas afirman que o servizo se deu este xoves e o mércores, pero non volverá haber ata os días 16, 17 e 21. Considérano insuficiente, pois no centro de saúde hai unha cota de 762 nenos. Pertencen á propia Chantada e a Carballedo.

O Sergas matizou que a semana pasada si se cubriu o servizo todos os días, aínda que recoñeceu dificultades para atopar substituto ao non haber especialistas en Pediatría dispoñibles nas listas de contratación. Este problema tampouco é novo. O organismo que xestiona a sanidade pública en Galicia leva tempo advertindo da ausencia de pediatras para cubrir as vacantes.

En numerosas ocasións, o Sergas tirou de médicos de familia para facer fronte a este inconveniente. A razón é que estes, di a entidade, reciben formación para atender aos máis pequenos sempre que sexa necesario.

O caso é que coa chegada do outono regresaron as queixas por un servizo de Pediatría que, a xuízo de numerosos veciños e profesionais da sanidade, quedouse outra vez collo en Chantada. O médico que se ocupa desde hai anos da asistencia aos nenos está de baixa desde finais de setembro e descoñécese cando se incorporará ao seu posto.

ANTECEDENTES. A situación chegou a ser realmente tensa na vila da Asma. Ata o punto de que levaron a cabo numerosas iniciativas de protesta por parte dos pais para solicitar ao Sergas un servizo completo, dispoñible toda a semana.

No día deste xoves xa se escoitaron varias críticas de proxenitores descontentos. Algún incluso recordou a Eloísa Rivadulla, pediatra histórica que exerceu en Chantada durante décadas e que hoxe presta o seu nome a un colexio e un parque infantil. "É paradóxico que isto pase na súa vila", indicaban.

Comentarios