
O alcalde, Carlos Armesto, sinalou que as tarefas de poda foron supervisadas por dous monitores especializados.
A actuación, longamente demandada pola Asociación Veciñal do Saviñao, non satisfixo as expectativas deste colectivo. Os seus responsables indicaron que independentemente da utilidade de taller de emprego como centro formativo, "A Devesa precisa urxentemente unha poda profesional", centrada en cortar as ramas secas en altura, algo para o que se precisan medios técnicos moi específicos.
Así mesmo, a agrupación de veciños apunta a necesidade dun selado terapéutico dos cortes para evitar a propagación de infeccións, pois pola contra pode darse o secado do tronco e a perda do carballo.
A Asociación Veciñal do Saviñao recalca que A Devesa de Escairón "é ou ben patrimonial máis querido e apreciado polos veciños do municipio, pois dende hai máis de trescentos anos moitas foron as xeneracións que xogaron, sestearon, amaron e gozaron neste espazo de ensono, polo que a día de hoxe basta preguntar e dirannos que todos están orgullosos do". Lamentan así o escaso interese, que cren, ten o goberno local pola súa protección.
A organización veciñal recorda que leva anos solicitando unha figura de protección oficial para esta masa arbórea situada no centro da capitalidade municipal sen habelo logrado.
Ata en dúas ocasións solicitaron Consellería de Medio Rural a figura de Conxunto Arbóreo Senlleiro, dado que hai poucas carballeiras que acrediten tanta antigüidade, sendo rexeitadas ambas as peticións.
Engaden que desde a propia alcaldía chegouse a dicir que unha figura de protección podía condicionar a construción de vivendas nas súas proximidades.