Os catamaráns da Ribeira Sacra xa contan con 6.500 reservas para o verán

Desde o inicio do ano xa pasaron máis de 14.000 persoas polo servizo
Catamarán en la Ribeira Sacra. AEP
photo_camera Catamarán en la Ribeira Sacra. AEP

A deputada provincial de Turismo e portavoz socialista do goberno da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, confirmou este xoves que as previsións para este verán no relativo ás rutas en fluvial en catamarán pola Ribeira Sacra "son moi boas", dado que xa foron confirmadas 6.500 reservas para os meses de xullo e agosto.

En todo caso, a previsión é que ese número de reservas aumente de forma considerable nas próximas semanas, porque "cada vez os desprazamentos planifícanse con menos tempo de antelación".

En declaracións aos medios de comunicación, recordou a importancia desta "oferta turística", porque é rechamante tanto para xente que viaxa dentro de Galicia como para outra moita que "vén de fóra", e xera "un efecto multiplicador" que se aprecia claramente no número de pasas a noite na comarca.

O servizo de rutas fluviais en catamarán polos Canóns do Sil e polo río Miño púxose a funcionar este ano o 19 de marzo, coincidindo coa festividade de San José.

Desde que comezaron as rutas, preto de 14.000 persoas subíronse xa este ano aos catamaráns da Deputación de Lugo, unha cifra que Pilar García Porto cualificou como "moi positiva".

"Estamos xa en cifras semellantes, ou incluso superiores, ás que manexabamos antes da pandemia", engadiu.

Comentarios