O Castañazo desafiou a choiva e levou 10.000 persoas a Chantada

A pesar de que se cumpriron as malas previsións meteorolóxicas, o festival volveu bater a súa marca de asistencia e abarrotou o municipio. Os de SFDK e S.A. foron dous dos concertos máis aplaudidos nunha dobre xornada con cantos de taberna e actuacións para os nenos

CastañazoRock (11)
photo_camera Público do Castañazo. M.P/ S.N

O venres ao mediodía xa podían anticiparse dous diluvios en Chantada. Un deles predíxose os días anteriores. Era de auga. O outro, de xente. O segundo foi máis sorprendente, pois a propia organización do festival Castañazo Rock sinalou que non esperaba semellante afluencia de público á edición deste ano.

Segundo os datos facilitados pola asociación que promove o evento, foron unhas 10.000 as persoas que acudiron a Chantada este fin de semana, 5.000 por cada un dos dous días de actividades e concertos. De novo, o Castañazo bateu marca de asistencia, algo que conseguiu varias veces nos últimos anos.

As cifras deixaron varios datos curiosos, como apuntou o director do festival, Ibán Gómez. A venda de entradas en despacho de billetes, é dicir, durante a celebración do Castañazo, superou con diferenza as doutras ocasións. Isto significa que moitos se animaron a última hora. Rechamante se se ten en conta o pésimo tempo que se prognosticaba.

E si, as condicións atmosféricas foron malas. Houbo choiva, intensa por momentos, e vento, especialmente a noite do sábado. Con todo, as ganas de festa non se augaron. A media tarde do venres, os catro pavillóns habilitados para durmir estaban cheos de tendas de campaña.

Os pratos fortes arrincaron con Skacha e Koma, encargados de estrear un Castañazo 2019 que viviu a súa primeira grande actuación cos sevillanos SFDK. O rap está de moda e demostrouse desde o inicio ata o final do seu concerto. Un público moi novo entregado ás letras e o ritmo do grupo andaluz subiu a temperatura no mercado gandeiro de Chantada, o recinto onde, nos poucos instantes sen música, escoitábanse as agresivas pingas de choiva aporrear a cuberta.

PROGRAMA VARIADO. Huntza, formación vasca que mestura folk e rock, sorprendeu a moitos cun son que invitaba o baile e o galegos Dios Ke Te Crew e Ezetaerre completaron un primeiro día no que o rap tivo unha gran presenza. Era só o episodio inaugural, pero non defraudou.

O sábado, Chantada empapouse de Castañazo xa desde a mañá. Capuchas, chubasqueros e botas serviron aos festivaleros para protexerse da auga e desprazarse ata supermercados, cafeterías e bares, abarrotados durante todo o fin de semana.

Mentres eles recobraban forzas para continuar a festa, os máis pequenos gozaban do seu momento. O Castañazo Infantil regalou aos nenos os concertos de Peter Punk Pallaso e Treboada. Ao mesmo tempo, as tendas de campaña comezaban a abrirse nos pavillóns e non foron poucos os que se animaron a asistir á outra grande actividade que caracteriza o festival.

Cando os cantos de taberna carburan, camiñar polo centro de Chantada sen ter que esquivar xente é practicamente imposible. Aos bares da Praza de Santa, as rúas Leonardo Rodríguez e Xoán XXIII ou a avenida de Monforte invadiunos a música e, coa tarde avanzada, quen se asomase á fiestra dunha casa só tiña a opción de ver multitude cara a un lado e outro.

PARA VETERANOS. Tras os cantos de taberna, Mekanika Rolling Band serviron como transición cara ao segundo tomo de concertos. O primeiro directo do sábado foi para un grupo histórico, que causa auténtico furor entre os máis veteranos. Soziedad Alkoholika, ou simplemente S.A., é garantía de éxito.

Ao inconfundible e duro hardcore da banda vasca seguiulle o son dos valencianos Auxili, concerto xusto anterior a outra das actuacións máis esperadas. Nao, un dos grupos galegos con máis tirón, deixarán os escenarios en breve e en Chantada subíronse a un por penúltima vez.

Este concerto con sabor a despedida precedeu ao potente rap metal doutros sevillanos, Narco, e aos toledanos Balkan Bomba, que puxeron o punto e final. Para entón, case todos esqueceron xa o diluvio e aplaudían a organización dun festival que se consolida nunha época na que, normalmente, a xente aproveita os fins de semana para aniñarse no sofá da súa casa.

Por suposto, non faltou o compromiso social. Os vasos eran reciclables, por respecto ao medio ambiente, e había punto lila para combater a violencia machista.

Comentarios