O centro histórico de Monforte terá unha protección especial desde outubro

A Xunta deulle a súa visto e prace ao plan o pasado mes de xuño tras solicitar unhas rectificacións
2020092512275677133
photo_camera Estado no que se atopan varias vivendas da emblemática zona da Compañía. ANA RODIL

O plan especial de protección do conxunto histórico de Monforte verá a luz de forma definitiva a finais de outubro, previsiblemente na sesión que celebrará o pleno da corporación o día 26. O alcalde, o socialista José Tomei, indicou que se ultiman os documentos necesarios para iso, como os informes definitivos e necesarios dos servizos xurídicos e urbanísticos do Concello, co que se completará o visto e prace dado pola Xunta no pasado mes de xuño que comezou a tramitarse no 2016.

O plan especial propón medidas para recuperar e impulsar os valores sociais, culturais, económicos, ambientais, edificatorios e funcionais da zona vella; pero con especial atención á ordenación do espazo, que ocupa algo máis de 69 hectáreas do centro de Monforte,

O ámbito do plan especial correspóndese esencialmente co declarado Ben de Interese Cultural mediante o decreto 187/2005, de 16 de xuño, que modificou un anterior, de 1973, incorporando como zonas de respecto os barrios de Ramberde, Carude e Praza do Piñeiro, así como as beiras do río Cabe.

A área obxecto de protección abarca unha superficie de 52,51 hectáreas que se corresponden propiamente co conxunto declarado como BIC e 17,67, ás zonas de respecto. A delimitación do plan rectifica o perímetro do conxunto, adaptándose ao parcelario existente.

Contar cunha ferramenta destas características foi, sen éxito, obxecto de interese por parte do alcalde popular Nazario Pin Fernández (1995/2003) e do nacionalista Severino Rodríguez Díaz (2003/2015), sen que ningún destes rexedores fosen capaces de sacalo adiante.

PENDENTE. A materia pendente de todos os gobernos de Monforte desde a época de Celestino Torres, e máis concretamente desde 1985, é sacar adiante un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

O popular Nazario Pin e o nacionalista Severino Rodríguez intentárono. Pagaron proxectos millonarios para uns estudos que acabaron nun caixón.

Un instrumento para intentar evitar a ruína
O alcalde de Monforte está convencido de que o plan especial de protección do conxunto histórico servirá para frear a deterioración de moitos inmobles antigos. E é que cada de vez son máis aqueles que por falta de mantemento presentan un estado lamentable.

Se hai que fixar o ollo nunha zona da cidade, A Compañía, xunto ao colexio do Cardeal, cada día presenta un estado máis penoso, con valados e casas semiderruidas, saneadas, para que non causen danos aos viandantes.

Trámites sinxelos. José Tomei declarou este xoves que o documento que se espera aprobar de forma definitiva a finais de outubro fixa as condicións para a rehabilitación de vivendas. Así mesmo, mostrouse convencido de que servirá para que os propietarios "poñan en valor as súas casas, pois vos trámites a realizar serán sinxelos e accesibles para todos". A modo de resumo, Tomei asegurou que serán "moito máis rápidos".

Comentarios