Carlos Armesto é a única cara nova entre os alcaldes da Ribeira Sacra

Joaquín González cedeu o posto ao responsable de organización do PP a nivel provincial, aínda que o tutelará como número dous á candidatura

Toma de posesión de Carlos Armesto en O Saviñao. EP
photo_camera Toma de posesión de Carlos Armesto no Saviñao. EP

Juan Carlos Armesto Quiroga (PP) colleu na mañá deste sábado as rendas do Concello do Saviñao, converténdose na única cara nova no que a rexedores locais se refire de toda a Ribeira Sacra. Ocupa o posto que deixou Joaquín González González, quen decidiu ceder a testemuña ao seu pupilo, quen desde o ano 1991, cando chegara á alcaldía, foi o seu primeiro tenente de alcalde.

Juan Carlos Armesto, na actualidade responsable de organización do PP a nivel provincial, ten como reto seguir o camiño emprendido polo seu antecesor, algo que, dixo, así fará.

Todo indica que o terá fácil para gobernar porque González non se retirou de todo. É o número dous da candidatura e xa mostrou o seu interese por seguir na casa consistorial para acompañar a Armesto en todo o que sexa necesario. O anuncio realizado meses atrás de que se xubilaba para dedicarse á súa familia e á súa explotación gandeira parece terse diluído un tanto.

OPOSICIÓN. En fronte, os populares terán a un grupo opositor que non llo porá nada fácil, o PSOE, con cinco edís dos once que conforman a corporación municipal.

O portavoz socialista, Celestino Rodríguez Pombo, xa anunciou que realizará unha oposición seria e á vez respectuosa, pero denunciando todo aquilo que poida ir, a xuízo  do seu grupo, en contra dos intereses xerais do municipio e dos seus veciños.

Comentarios