Carcedo recrimina ao PP que "só estea cómodo" falando de Cataluña

A ministra de Sanidade compartiu un acto en Monforte cos candidatos do PSOE en Lugo

Ana Prieto en el acto del PSOE en Monforte. EP
photo_camera Ana Prieto no acto do PSOE en Monforte. EP

A ministra de Sanidade en funcións, María Luisa Carcedo, participou este domingo nun acto electoral en Monforte xunto ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; o alcalde e presidente da Deputación, José Tomé, e a candidata ao Congreso por Lugo Ana Prieto. María Luisa Carcedo reclamou aos asistentes "votar con contundencia para que Pedro Sánchez sexa presidente do Goberno e podamos seguir impulsando iniciativas sociais que contribúan a facer crecer o noso país". 

A ministra en funcións opinou que o PP "só esta cómodo falando de Cataluña, só quere seguir botando gasolina ao lume", e insistiu en que "hai que traballar pola convivencia no noso país. Queremos facer políticas encamiñadas á xustiza social para que contribúan a redistribuír a riqueza para que todos e todas teñamos os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades, e para acabar coa desigualdade", argumentou. 

Polo seu lado, Caballero aproveitou para pedir "unha mobilización masiva para que Pedro Sánchez siga sendo o mellor presidente do Goberno para España". Para iso, o líder do PSdeG pediu aos seus "un traballo intenso. Porque o PSOE é o único voto útil para o progreso do país e para facer fronte á coalición das dereitas coa ultradereita", recalcou. 

Con este panorama, e o dun Alberto Núñez Feijóo "que adica a Xunta á confrontación co Goberno socialista en base a constantes mentiras", Gonzalo Caballero advertiu de que "as enquisas dannos ben, pero que hai que mobilizarse para referendar a maioría social progresista que existe en Galicia e que quere botar a Feijóo e manter a Pedro Sánchez á fronte do Goberno de España". 

A cabeza de lista ao Congreso polo PSOE de Lugo, Ana Prieto, demandou o voto "para poder seguir subindo as pensións a todos os lucenses, para que chegue a alta velocidade, para asegurar a igualdade de oportunidades na educación e para que as nosas mozas e mozas poidan acceder a unha vivenda digna".

Comentarios