O candidato do PP de Monforte será o mozo médico Miguel Lemos

O cabeza de lista ten 37 anos e é xenro do empresario Carlos Somoza, de Alcor Seguridade e xerente da orquestra Panorama

Miguel Lemos (1)
photo_camera Miguel Lemos e Julia Rodríguez. AEP

O Partido Popular de Monforte xa ten candidato á alcaldía para as eleccións locais que terán lugar a finais do próximo mes de maio. Chámase Miguel Lemos, un mozo médico que exerceu en varios ambulatorios da comarca e incluso cubriu prazas de Pediatría nos centros de saúde da zona. Actualmente, exerce na comarca ourensá de Valdeorras.

A decisión de levalo a Lemos de cabeza de lista pechouse na tarde deste martes tras catro meses de crises no seo do PP monfortino, cando a actual portavoz municipal e deputada autonómica, Julia Rodríguez, negou calquera posibilidade de que outra persoa, como o novo empresario hostaleiro que se barallou desde o primeiro momento para o posto, Roberto Eireos, lle quitara o posto.

Tras case 120 días de intensas xestións desde as direccións provincial e galega do PP para frear o que algúns altos cargos da formación chegaron a cualificar o que pasaba en Monforte "de circo", as altas instancias decantáronse por Miguel Lemos, a quen, segundo puido saber este diario, outorgáronlle a potestade de elixir ás persoas que o acompañarán na candidatura.

Miguel Lemos non é unha persoa demasiado coñecida en Monforte, aínda que si algúns membros da súa familia. É o xenro do coñecido empresario Carlos Somoza, o xerente da empresa Alcor Seguridade e ao tempo da orquestra Panorama, a que actuou no pasado mes de novembro na cidade do Cabe con motivo dun concerto solidario para recoller alimentos destinados ás familias máis desfavorecidas do municipio.

ULTIMÁTUM. A designación de Miguel Lemos pode considerarse como a terceira vía do PP. Os populares intentárono ata en dúas ocasións co hostaleiro Roberto Eireos, en quen tiñan postas grandes esperanzas, pero a "cerrazón de Julia Rodríguez", explicaron este martes desde a formación, e "a do comité electoral creado por ela", obrigou a buscar candidatos alternativos.

Todo iso coincidiu no tempo co ultimato que o secretario do PPdeG, Miguel Tellado, lle deu á portavoz monfortina "e aos seus acólitos para que deixasen de enredar e causarlle máis dano ao partido", tal e como sinalou na tarde deste martes a este xornal un alto cargo do PP, quen chegou a asegurar que "tardou en dar o brazo a torcer, pero non quedaba outra".

Tres actores, dous deles na rúa
Eran preto das catro e media da tarde deste martes cando o secretario provincial do PP, Juan Carlos Armesto, e un membro da comisión electoral, o arquitecto Francisco Cela, estaban apostados na porta do edificio que alberga a sede do PP.

Esperaban a chegada de Julia Rodríguez, quen se baixou dun vehículo tipo todoterreo cos cristais tintados e cominou a Armesto e a Cela a subir á oficina de inmediato, argumentando que tiña présa, moitas outras cousas que facer. No marco dese encontro Rodríguez comunicoulles que finalmente se retiraba da carreira e deixáballe paso a un sucesor.

Comentarios