Candia, en relación á polémica de Monforte: "Non me sinto cuestionada por ninguén"

A presidenta do Partido Popular de Lugo asegura que “ter un partido vivo é o máis importante, a nivel provincial e a nivel galego”

Elena Candia. J. ÁLVEZ
photo_camera Elena Candia. J. ÁLVEZ

A presidenta do Partido Popular na provincia de Lugo, Elena Candia, dixo este martes que non se sente "cuestionada por ninguén", por mor da crise aberta no seo da agrupación local de Monforte de Lemos.

Candia fixo estas declaracións trala crise aberta na agrupación local monfortina, onde o intento de situar a Roberto Eireos como candidato á Alcaldía da segunda poboación de Lugo, acabou coa renuncia deste e tamén coa da actual portavoz do grupo municipal, Julia Rodríguez, e deixou sen aspirante ao PP.

A presidenta provincial recordou que os cargos directivos do PP están “aí para tomar decisións”, se é posible “consensuadas”, porque “ter un partido vivo é o máis importante, a nivel provincial e a nivel galego”. “Onde non gobernamos, temos que intentar adoptar as medidas necesarias para intentar gobernar“, precisou en todo caso Elena Candia, porque “é un momento complicado, porque as eleccións son en maio e os que temos responsabilidades temos, precisamente, o obxectivo de facer os mellores equipos para conseguir os mellores resultados”.

Precisou que non se trata de botar a ninguén, enténdaseme ben, somos un partido moi grande, pero facemos falta todos. Todos non, "incluso moitos máis”. “Unhas veces acertaremos e outras equivocarémonos, pero quedan meses para, se nos equivocamos algunhas veces, poder rectificar”, engadiu Candia, quen opina que, en todo caso, estas situacións "demostran que se está traballando”.

Comentarios