O cambio dunha válvula da traída deixa sen auga aos monfortinos dúas horas

A peza renovada está na Rúa Cardeal, que se atopa en obras â?? O edil de servizos municipais indicou que era urxente cambiala
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Lugar da Rúa Cardenal onde se cambiou a peza. L.A.R.

Os veciños das rúas que comprenden todo o centro de Monforte sufriron un corte na subministración de auga corrente ás cinco da tarde deste luns. Non foron os únicos afectados, pois residentes en rúas afastadas desta zona como Doutor Casares ou Escultor Francisco Moure tamén tiveron o mesmo problema, pois polas billas das súas casas só saía un fío de auga.

O corte debeuse á necesidade de cambiar unha válvula existente na Rúa Cardenal e instalar un hidrante. O concelleiro de servizos municipais, José Luis Losada, sinalou que cos traballos de renovación do firme que se desenvolven na vía principal de Monforte descubriuse este luns que unha válvula estaba en mal estado e que era do todo necesario, “cambiala de inmediato”.

SEN AVISAR. A colocación desta peza causou unha falta de subministración de auga que se prolongou durante dúas horas, entre as cinco e as sete da tarde.

Moitos veciños puxéronse en contacto con este diario para saber que pasaba e se a falta de subministración íase a prolongar moito no tempo.

O edil de servizos municipais asegurou que o proxecto, no que o Concello monfortino inviste 300.000 euros, estará rematado a próxima semana

A preocupación veciñal era importante, máxime nestes días nos que todo o mundo atópase recluído na súa casa.

José Luis Losada lamentou non poder lanzar unha advertencia sobre o corte. Recalcou que ao non ser algo programado resultou imposible avisar á veciñanza, polo que pediu desculpas polos posibles inconvenientes causados.

Polo que respecta ás obras de renovación do firme da Rúa Cardenal, os traballos atópanse moi avanzados.

O edil de servizos municipais, que segue día a día o seu desenvolvemento, asegurou que o proxecto, no que o Concello monfortino inviste 300.000 euros, estará rematado a próxima semana.

Queda un pequeno tramo no que colocar as laxas de granito que compoñen a pavimentación e realizar varios remates.

Comentarios