A Botica aúna tradición familiar e un forte aposta por Quiroga

Recordos e modernidade, ambos se combinan na nova cafetería da localidade para ofrecer a todos os seus clientes unha moi agradable experiencia 
a botica
photo_camera Interior da Botica, con diferentes elementos que recordan á antiga farmacia da familia Quiroga.

ACABA DE ABRIR as súas portas e a acollida non puido ser mellor. A Botica é a nova cafetería de Quiroga e nela van de mánoa tradición familiar e un forte aposta pola vila de Quiroga. Todo isto nun emblemático e céntrico edificio.

E é que cando a familia Quiroga mandou construír a casa da farmacia no número 58 da rúa Real, nos anos vinte do século pasado, é moi posible que non imaxinase que ese inmoble tería unha segunda vida como local hostaleiro. Pero os tempos cambian e ese mesmo local acolle agora a cafetería de moda na localidade de Quiroga, un lugar no que impera a ilusión e que conta ademais cunha moi ampla zona de terraza e xardín.

O certo é que os recordos familiares son unha constante na Botica. Os seus propietarios, Ramón Pío Quiroga, Yuli Mosquera, Alejandro Maior e Nancy Tamargo, quixeron manter viva a esencia deste recoñecido negocio. é por isto que decidiron conservar todo canto puideron da antiga farmacia. Así, puxéronse ao choio para restaurar as escaiolas e os mobles orixinais, como o da barra ou os andeis, así como recuperar os botes centenarios do establecemento.

A posibilidade de abrir unha cafetería neste baixo comezara para eles ''como os típicos comentarios un pouco de broma que diciamos nas reunións familiares'', di Nancy Tamargo, quen asegura que pór en marcha A Botica é para a familia ''un soño feito realidade''. Ademais dun negocio, será unha ''homenaxe'' aos seus antecesores e un xeito de dar vida a un local ''que nos daba moita pena ver pechado'', apunta Alejandro Maior.

Xunto a este aspecto familiar, están o geoparque Montañas do Courel, o Camiño de Inverno ou o auxe da Ribeira Sacra. Nancy di que estes tres elementos foron claves para animarse a dar o paso de abrir A Botica, coa que tamén buscan contribuír ''a dar un impulso á zona, porque somos de aquí e fainos moita ilusión apostar por Quiroga'', conta entusiasmada.

Na carta deste novo establecemento, explica Yuli Mosquera, non faltan tapas e racións variadas, ademais de bocadillos, hamburguesas ou pratos combinados. A carta de viños é tamén ampla e nela teñen un especial protagonismo as adegas que producen os seus caldos no propio municipio de Quiroga.

Ademais, a terraza traseira, antigo xardín da casa agora reformado, acollerá os eventos que se celebren na Botica, desde bautizos a festas de aniversario.

Manuel, Montse, Eney e Noelia, xunto coa responsable do local, Hermi Fernández, serán os encargados de levar o día a día da nova cafetería de Quiroga, na que tamén están á venda diferentes produtos típicos da gastronomía galega.

EDIFICIO . O inmoble no que se sitúa A Botica data de 1920 e ata fai algo máis de cinco anos funcionou sempre como farmacia, primeiro xestionada directamente pola familia Quiroga e na última etapa alugada. Anteriormente, a familia tiña a súa botica na Praza Maior e foi neses anos vinte cando se trasladaron á agora coñecida como rúa Real, explica Ramón Pío Quiroga, neto do fundador.

No seu día, no edificio elaborábanse tamén as coñecidas como fórmulas maxistrais. Nos estantes da Botica pódense ver os recipientes nos que se realizaban as mesturas e os caixóns nos que se gardaban os diferentes ingredientes.

Na Botica esperan con ilusión a visita de veciños e visitantes.

Comentarios