Bocadillos de solidariedade en Monforte

O colexio dos Escolapios recadou máis de 3.000 euros nun acto con case mil persoas cuxo obxectivo principal era financiar as bolsas de comedor para as familias con menos recursos 

O colexio monfortino dos Escolapios viviu este luns unha xornada de solidariedade e convivencia que leva a cabo no centro desde hai 26 anos. Os alumnos de secundaria preparan bocadillos de queixo, chourizo, xamón cocido e salchichón que logo se reparten entre os estudantes e as súas familias. Por cada bocadillo recádanse tres euros destinados a axudar ás familias con menos recursos.

O proceso é moi sinxelo. Cada alumno encarga para el e os membros da súa familia os bocadillos e estes débense trocar por un billete. Ao darlle o bocadillo ao estudante en cuestión, o colexio entrégalles ademais unha peza de froita e unha botella de auga.

Cos tres euros que se dan por recibir o bocadillo o colexio financia as bolsas para o comedor co fin de axudar as familias máis necesitadas do centro. "É un xeito de solidarizarnos con aqueles que teñen dificultades para contar cun prato cheo na mesa todos vos días", sinalou o director do centro, Pablo Blanco.

Por cada un dos bocadillos, feitos polos alumnos de secundaria, recadáronse tres euros e entregouse froita e auga

Grazas a esta actividade reuníronse ao resgardo do pavillón das instalacións deportivas Álex Blanco preto de mil persoas, entre as que houbo varios exalumnos. Os bocadillos solidarios recadaron máis de 3.000 euros cos que o comedor poderá seguir prestando servizo a quen máis o necesiten. "Deste xeito podemos manter as bolsas para os estudantes que pertenzan a familias con poucas posibilidades económicas", insistiu Branco.

Trátase dunha xornada de xaxún na que cada participante come só un bocadillo e unha peza de froita. A meta da dirección do colexio é concienciar sobre as dificultades que existen en moitas familias para facer as comidas diarias recomendadas e ter produtos de calidade cos que encher os pratos. Estas xornadas adoitan contar cun importante éxito de asistencia e participación, pois a solidariedade case nunca atopa rival.

Á actividade sumouse a asociación de pais e nais do colexio, cun posto de venda de café e chocolate quente no que se reuniron uns 300 euros. Sumado ao obtido polos bocadillos superáronse os 3.000.

O día puido ser redondo no caso de que o tempo acompañase. A dirección do centro tiña previsto un baile nun dos campos de herba artificial das súas instalacións deportivas no que participarían pais e fillos. Substituíuse pola representación dunha canción no pavillón.

Comentarios