A biblioteca de Bóveda gaña un premio á innovación

A Xunta de Galicia galardoou ao centro por facilitar o acceso ás persoas con discapacidades ingresadas na residencia
2020102413563125223
photo_camera Un momento do acto de entrega do galardón ao alcalde de Bóveda e á concelleira de cultura. EP

O Concello de Bóveda recibiu este venres o Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia que se convoca desde hai tres anos para impulsar e visibilizar os proxectos e as boas prácticas levadas a cabo polas bibliotecas, sempre en busca de resultados positivos para os usuarios. En concreto, a distinción entregada recoñece o traballo de integración levado a cabo pola sala de lectura de Bóveda cara aos usuarios da residencia para persoas con diversidade funcional que existen no municipio.

O alcalde, José Manuel Arias, xunto coa concelleira de cultura, Cristina Juiz, foron os encargados de recoller o galardón, que foi entregado en Santiago polo secretario xeral de Cultura, Ángel. O premio dáse a aquelas iniciativas que deben ser sostibles no tempo e á vez innovadoras. O galardón está dotado cun único premio de 3.000 euros e un distintivo para a biblioteca.

O alcalde bovedense, José Manuel Arias, manifestou a súa satisfacción, que fixo extensiva ao conxunto dos veciños do municipio, por lograr tal prestixioso premio. Dixo que iso foi froito dun intenso traballo desenvolvido desde que se pretende consolidar desde hai varios anos "unha biblioteca innovadora, un labor que continuaremos con máis esforzo e compromiso, se é posible", sinalou o rexedor local.

Desde a posta en marcha da residencia para persoas con discapacidades, a biblioteca tratou de converter a lectura nun vínculo de integración cultural cos usuarios . Así, creouse un club de lectores para adultos, incorporouse novo material á biblioteca con máis fondos e con recursos audiovisuais pensando nas necesidades especiais das persoas ás que se dirixían. Tamén se fixo un acceso na beirarrúa para as cadeiras de rodas e un aseo para persoas con mobilidade reducida.

Arias asegurou que dotarase o espazo cunha nova sala de exposicións e que o Concello fará todas aquelas melloras e plans para volver ser gañadores.

Comentarios