A fundación Belarmino Fernández ofrece saída laboral a cociñeiros desde hai 25 anos

O conselleiro de Economía encomiou á fundación por formar a mozas no sector hostaleiro
undefined
photo_camera Francisco Conde fala cunha alumna de cociña na escola de Rosende. EP

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou este mércores as instalacións da fundación Belarmino Fernández, situadas no pazo de Ribas (Rosende, Sober) onde desde hai 25 anos impártense ciclos superiores de hostalería e máis recentemente un de vitininicultura. Conde destacou a aposta que a fundación realiza pola formación, para brindar un futuro á mocidade galega e como factor de competitividade para o rural galego e pola internacionalización a través do impulso da Marca Galicia.

O conselleiro coñeceu as instalacións de man de Luis Caramés, presidente da fundación; e do presidente de honra da mesma, Belarmino Fernández Mazorra. Caramés transmitiulle a Francisco Conde a importancia da fundación e o seu traballo para a Ribeira Sacra como elemento dinamizador da formación e a economía.

Así, asegurou que apostan pola educación como principal ferramenta para o futuro. Na escola fórmanse profesionais en hostalería e vitivinicultura, dando unha alternativa aos mozos que buscan unha saída profesional. "A fundación evolucionou ata consolidarse como unha marca de calidade, tanto na demanda de formación como na oferta de postos de traballo para os alumnos".

O presidente de honra, Belarmino Fernández Mazorra, recordou que "a institución avanza cos tempos, adáptase, pero mantemos o espírito de confraternización co que o meu pai iniciou esta andaina hai 25 anos, sempre co ánimo de contribuír ao desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia".

Na actualidade nas súas aulas 63 estudantes realizan os cursos de técnico superior de vitivinicultura e os ciclos medios en servizos de restauración e en cociña e gastronomía.

Habitualmente o centro realizaba actividades divulgativas sobre gastronomía ou turismo, accións que se renovarán en canto as normas sanitarias o permitan. A fundación continúa traballando baixo as directrices do sentido humanístico coa acción social.

Un empresario que fixo unha gran fortuna en Brasil 
A escola de Belarmino Fernández Iglesias de Rosende é o resultado do soño dun veciño desta parroquia que emigrou a Brasil en 1951. Fernández fixo fortuna no sector da hostalería e un día decidiu investir no seu pobo natal para que "os da miña terra non tivesen que emigrar como me pasou a min", dixo no seu día.

Logo de varios traballos en Brasil, Belarmino deuse conta de que o que máis lle apaixonaba era a hostalería e logrou entrar no equipo do prestixioso restaurante La Cabaña e de aí deu o salto a fundar a súa propia firma, Rubaiyat. Máis tarde, abriu varios centros en Buenos Aires e incluso un en Madrid. 

Legado 
Este empresario do sector hostaleiro faleceu a finais de maio en 2017 en Salvador de Bahía (Brasil) aos 86 anos, aínda que segue vivo o seu legado, unha escola de hostalería concertada coa Xunta no pazo de Ribas con 25 anos ás súas costas.

Comentarios