O bar Garden de Monforte aparece con desfeitas producidas de madrugada

A Policía Local descubriu os estropicios mentres patrullaba a Avenida de Galicia e acordoou a zona
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera A Policía Local acordoou a zona onde se produciron as desfeitas

Os propietarios do bar Garden de Monforte amenceron o domingo coa noticia de que parte da decoración exterior do seu negocio fora esnaquizada durante a noite. Todo apunta a un acto vandálico, aínda que non transcendeu ningunha pista acerca dos posibles autores nin tampouco se coñece ningunha testemuña.

A Policía Local patrullaba a rúa na que se atopa o establecemento, a Avenida de Galicia, e ás seis da madrugada atopouse cos floreiros de morteiro da entrada ao bar estampados contra a beirarrúa. Pasaran polo mesmo lugar 30 minutos antes, sen acenos de ningún suceso. Nese período producíronse os feitos.

Inmediatamente, os axentes procederon a acordoar a contorna por seguridade e xa se investiga quen puido estar detrás destes actos. Os danos materiais foron importantes, pero se reduciron a este material de adorno. Non houbo desfeitas nin na porta nin na vidreira do bar.

Os donos do Garden decatáronse do sucedido ás dez da mañá grazas a unhas imaxes enviadas a través de WhatsApp por un coñecido. Entón desprazáronse ata o negocio e viron os estropicios. ás dúas horas tiñan todo recollido e agora tratarán de repor os floreiros rotos.

Un dos propietarios confirmou que van presentar denuncia para que se investigue o ocorrido e pescudar quen foi o culpable das desfeitas. Segundo precisou é a primeira vez que pasa algo similar desde que o bar abriu, fai uns dous anos.

Os responsables do Garden, que reabriu o pasado xoves tras o estado de alarma pola pandemia de Covid-19, subliñaron que a noite anterior desenvolveuse con total normalidade. Non se rexistraron incidentes nin momentos tensos, polo que non teñen ningunha idea de por que se produciron os actos vandálicos contra os floreiros da porta.

Estes elementos decorativos, concluíron, levaban na Avenida de Galicia desde os inicios do local e nunca deran problemas. O domingo só quedaban en pé os pedestais logo de recoller os restos do material roto contra o chan, que causou gran sorpresa entre os viandantes.

Comentarios